O Concello de Nigrán ofrece este martes 16 de xullo a súa primeira ruta xeolóxica do municipio na península de Monteferro, un dos puntos máis interesantes de toda a provincia de Pontevedra por concentrar gran cantidade de rochas de diferentes procesos xeolóxicos, entre as que destacan conglomerados, lousas, xistos, cuarcitas, granitos e diabasas.

O doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, responsable de definir o itinerario, será quen realice a visitas guiada. Os interesados en asistir deben presentarse ás 10:00 horas no Camiño do Forno (Patos) provistos de roupa e calzado axeitado, protección solar e auga. A duración prevista é de catro horas e a dificultade baixa.

O experto deseñou un itinerario de 6,5 km adaptado a todo tipo de público e que arranca na Praia de Patos (praia fósil de 120.000 anos de antigüidade, orixinada cando o mar se atopaba por enriba do nivel actual) e continúa na segunda parada por Punta da Meda (zona de contacto entre as rochas metamórficas que forman Monteferro e os granitos, como resultado fórmase un mineral chamado andalucita que aparece como moteado na rocha e do que non se pode encontrar maior concentración e tamaño en toda Galicia); terceira o merendeiro (panorámica das Illas Cíes e da costa de Baiona, así coma unha antiga superficie de erosión mariña sobre as Illas Estelas e o Cabo Silleiro); cuarta a costa (onde as diferenzas de dureza entre granitos e rochas metamórficas condicionan de xeito salientable a morfoloxía costeira); e quinta os Seixos Negros (presenza de rochas subvolcánicas escuras, diabasas, por mor do arrefriamento dun magma a través dunha fractura durante a formación do Océano Atlántico).