O Concello de Nigrán presentou este venres as súas alegacións ao anteproxecto de explotación do Plan de Transporte Público de Galicia 2020 para que se corrixa, entre outras moitas cousas, a supresión de frecuencias da liña Vigo-Baiona/Baiona-Vigo tanto por Panxón como pola estrada xeral (PO-552) ou se subsane o illamento que se contempla novamente das parroquias do interior.
Estas alegacións foros estudadas dende os servizos técnicos do Concello e, ao mesmo tempo, se consensuaron con diversas entidades veciñais preocupadas polo futuro mapa que debuxa a Xunta, así como cos alcaldes de Baiona e Gondomar, que tamén atopan deficiencias na conexión entre os centros neurálxicos do Val Miñor, polo que o Concello de Nigrán reclama unha línea circular entre os tres.
No escrito, o Concello demanda á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta que se manteñan igual que na actualidade as expedicións e frecuencias a Vigo por Nigrán centro (onde algunhas paradas se suprimen sen xustificación, como na recta de Mallón) e que aumenten nun 10% na ruta pola costa, onde se reclama que exista tamén parada en Povisa (circunstancia que si figura na liña pola estrada xeral). «No actual proxecto as frecuencias Vigo/Baiona se reducen a costa de crear liñas diferentes, iso non é mellorar o servizo, é só redistribuír«, lamenta o alcalde, Juan González.
O Concello de Nigrán considera imprescindible que o novo proxecto poña fin ao aillamento actual das parroquias do interior e para iso alega a necesidade de que, como mínimo, se dupliquen as frecuencias a Chandebrito e Camos (de 2 a 4 e de 3 a 6 diarias) e que non se supriman paradas tan empregadas actualmente como a do Pazo da Touza ou Copena. Igualmente, reclama que estas paradas e expedicións non figuren como ‘A demanda’ e que, polo tanto, non dependa o seu funcionamento de se existen usuarios suficientes. «O proxecto plantexado non ten operatividade ningunha para o interior e o feito de figurar a demanda fai sospeitar que pronto non funcionarán nin así», considera González. «A futura concesionaria do transporte vai sacar moito beneficio da liña a Vigo pola estrada xeral e pola costa, así que parte deses cartos teñen que recaer na verdadeira conexión polas parroquias do interior, onde aínda que o servizo non resulte rendable económicamente si é imprescindible socialmente; parroquias como Chandebrito, Camos ou Parada non poden seguir ailladas en pleno século XXI», valora.
Ademais, a primeira alegación que formula o Concello de Nigrán no seu escrito é a incorporación de autobuses de plataforma baixa ou mobilidade reducida nos principais percorridos en dirección Baiona, Vigo, Hospitais e CUVI, precisamente, nestes dous últimos puntos o Concello de Nigrán tamén pide aumentar o número de expedicións para que realmente sexan operativas.
«Esta reordenación de liñas prevista para 2020 ante o fin das concesións ten que ser unha oportunidade de mellorar o transporte existente, non de perpetuar o illamento das parroquias do interior e manter incongruencias, confiamos en que as alegacións modifiquen este proxecto porque tal e como está non serve en absoluto«, conclúe González.