Nigrán promove o galego nos actos fúnebres
Daniel Pazó coa súa familia

Nigrán súmase por cuarto ano consecutivo ao ‘Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia’ cun acto este sábado ás 11:30 horas no Cemiterio Municipal de Nigrán (no Ceán) no que se honrará a Daniel Pazó, veciño falecido en 2008 que revolucionou a pesca do polbo inventando o ‘casulo’ das nasas e quen defendeu a República como cabo de artillería na Mariña (foi un dos poucos superviventes do atentado ao acoirazado Jaime I).

O acto, ao que asistirá a súa familia e o goberno local, está aberto á participación da veciñanza e durante o mesmo se descubrirá a súa lápida trocada e traducida ao galego polo consistorio.

O rexedor, Juan González, amósase especialmente orgulloso de homenaxear e recordar a figura de Daniel Pazó, falecido aos 93 anos e do que recolle moitas testemuñas no seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’.

As lápidas dos camposantos galegos demostran a renuncia dos galegos polo seu idioma: prefiren lembrar aos seus defuntos nunha lingua que non falan no ámbito familiar. De feito, só unha minoría consciente exerce a galeguidade no ámbito da esfera individual e familiar. Os datos son elocuentes: só unha de cada mil está escrita en galego; e unicamente un 2% das necrolóxicas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma.

Daniel Pazó Vila (1915-2003)

Natural de Nigrán (A Tarela), Daniel Pazó Vila foi recoñecido na súa vida por dúas proezas: por un lado pola súa defensa da República loitando como artilleiro na Mariña e, por outro e xa na súa xubilación, por revolucionar a pesca do polbo co invento dun casulo específico para a pesca con nasa deste cefalópodo, o que maioritariamente se segue empregando hoxe en toda Galicia.

Pazó alistouse con 20 anos na Armada da II República Española como mariñeiro voluntario, enrolándose case inmediatamente no acoirazado Jaime I como cabo de Artillería. “Non tivemos nin catro horas seguidas de descanso debido o puro bombardeo alemán“, rememoraba no libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’ do rexedor Juan A.González.

El foi un dos poucos superviventes á explosión do barco o 17 de xuño de 1937 en Cartagena, aínda que arrastrou secuelas de por vida. Continuou servindo á República dirixindo unha operación de emprazamento de baterías dende o Cabo de Gata a Roquetas del Mar (Almería) e despois como escolta do Estado Maior no Arsenal de Cartagena.

O 29 de marzo de 1939 foi detido e estivo a piques de ser fusilado dúas veces. A súa lealdade á República supúxolle 3 anos de cárcere por toda España, rematando na de Ferrol “despois de pasalas canutas“. Co paso dos anos, en 1991 foille recoñecida polo Goberno a graduación de Capitán de Corveta da Armada polos servizos á República.

Ao regreso a Nigrán, adícase á pesca para sobrevivir e non tarda en inventar os casulos das nasas, un aparello que alberga a carnada para que o polbo teña máis difícil levala sen quedar atrapado. Este invento posibilitou de xeito práctico e rendible a pesca específica deste recurso nas nosas rías, xa que ata ese momento, o polbo pescábase con escasa eficacia cas nasas da nécora ou ben coa “raña”, arte que pescaba o polbo de un en un. A día de hoxe segue sendo o aparello máis empregado para o cefalópodo en baixura.