As xornadas “A volta das 9” organizadas polo Instituto de Estudos Miñoráns e Concello de Nigrán para reivindicar a memoria das mulleres represaliadas polo franquismo, chegan mañá martes a Nigrán coa proxección no Auditorio Municipal, a partires das oito da tarde, do documental “La isla de Chelo”.
Alí estarán a súa directora, Odette Martínez-Maler, así como Quico Martínez, un dos últimos membros da guerrilla antifranquista de 90 anos de idade e amigo persoal de Consuelo Rodríguez, protagonista do documental e finada en Francia o pasado xullo.
Consuelo Rodríguez uniuse á guerrilla tras o asasinato no seu Soulecín natal da súa nai, o seu pai, e varios dos seus irmáns. Nos primeiros anos foi enlace coa guerrilla pero logo de pasar varias veces por prisión, uniuse a ela e alí coñeceu a Arcadio Ríos, que axiña se converteu no seu compañeiro. Tras o seu asasinato, Chelo regresa a Galicia na procura da restitución da súa memoria e da memoria da súa familia, así como da reivindicación do papel da guerrilla na loita polas liberdades. E esa viaxe foi recollida pola directora francesa, Odette Martínez-Maler, que mañá martes xunta con ‘Quico’ compartirá un coloquio co público que se achegue ao Auditorio de Nigrán.
Francisco Martínez ‘Quico’, último guerrilleiro antifranquista do Bierzo, foi ligazón da Federación de Guerrillas León-Galicia desde os 15 anos, guerrilleiro desde os 22, con 90 segue na pelexa. “Porque mentres non se condene o franquismo o que temos é unha Memoria conxelada”, di o último maquis do Bierzo.