Da man do Bloque Nacionalista Galego o concello de Tomiño converteuse nos últimos anos nun referente en xestión do lixo, da enerxía e da auga. “No futuro goberno de Tomiño queremos que a eficiencia medioambiental sexa un dos eixos prioritarios, non só para achegar o noso gran de area e contribuír a sostibilidade global do planeta, senón tamén como exercicio de responsabilidade económica”, asegura Sandra González, actual alcaldesa de Tomiño e candidata polo BNG ás eleccións municipais do 26 de maio.

Pioneiros xa na compostaxe, con máis de 300 persoas participantes na modalidade colectiva e máis de 200 na individual, dende o goberno do BNG continuarase coa transformación do modelo de lixo xeralizando a compostaxe como método de tratamento dos biorresiduos e fomentando a recollida selectiva cara un modelo “máis eficiente, máis ecolóxico e máis moderno adaptado ás estritas directrices europeas”.

Por outra banda, no vindeiro mandato o Goberno liderado por Sandra González seguirá investindo en medidas de eficiencia enerxética no alumeado público a través de tecnoloxía LED e executará os proxectos financiados con fondos europeos para mellorar a eficiencia enerxética do edificio de Servizos Sociais e da Escola Obradoiro e convertelos en edificios eficientes de Clase A e para a instalación dunha caldeira de biomasa, o que o converterá no “primeiro concello que utiliza este método como sistema de quecemento”.

Referente en autoxestións das augas

Dende o Goberno do BNG seguirase apoiando ás traídas de augas, modelo a seguir no sistema de autoxestión de traídas veciñais que fan de Tomiño un “lugar de referencia na xestión eficiente e segura dun ben tan necesario”. Un modelo de autoxestión que comparten noutros lugares de Europa como Irlanda e Francia e no que o traballo o realizan “os propios veciños e veciñas de xeito desinteresado”. “Dende a administración pública e dende a administración local estamos convencidos de que este ten que ser un eixo de traballo fundamental nos próximos catro anos”, salienta Sandra González.