Infografía

O BNG celebra que se conseguira a subvención para a reforma do Pavillón da Sangriña. «No seu momento o BNG apoiou no pleno a presentación deste proxecto pola necesidade que temos de mellorar esta infraestrutura e tamén porque de non votalo favorablemente, A Guarda perdería estes cartos dado que o goberno socialista non foi capaz de elaborar ningún outro proxecto para presentar ao Plan REACPON», apuntan os nacionalistas.

«O voto favorable do BNG non lle impediu aos nacionalistas denunciar nese momento o escurantismo co que fora elaborado o proxecto e a falta de participación das entidades deportivas, traendo no último momento a Pleno para a súa aprobación e en tempo límite  para poder presentalo«, explica o portavoz municipal do BNG, Anxo Baz.

Desde o BNG aseguran que esta subvención é insuficiente xa que falta máis dun millón de euros para poder executar a obra. “Recomendámoslle ao Goberno socialista que se poñan a buscar fondos urxentemente doutras administracións e ofrecémoslle dialogo e colaboración para facer posíbel a reforma do pavillón da Sangriña. Lembrándolles que o BNG foi a forza política que garantiu co seu voto favorábel a subvención conseguida”.

O BNG téndelle a man ao goberno municipal para sacar adiante o proxecto, mais non imos dar respaldo a unha xestión neglixente, escurantista e de feitos consumados no que resta de tempo para a execución desta infraestrutura”, conclúe o voceiro nacionalista.