O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar denuncia novamente o desprezo que o alcalde, Paco Ferreira, mostra polo Pleno municipal. A fronte nacionalista denuncia que neste ano non se convocaron as sesións ordinarias dos plenos de xaneiro, marzo, abril, agosto e setembro; que dos únicos catro plenos realizados –febreiro, maio, xuño e xullo– ningún se celebrou na data correspondente; e que o deste mes de outubro, a piques de rematar, tampouco foi convocado aínda.

Para a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, a ausencia de plenos é unha mostra máis da parálise en que o goberno do PSOE de Paco Ferreira ten sumido o Concello. “Cando hai temas moi importantes pendentes de tratar”, asegura, “el só exerce de alcalde ‘virtual’, máis ocupado nas redes sociais e nas súas ‘xiras moteiras’ que en cumprir coas súas obrigas municipais”.

A nacionalista indica que o alcalde non respecta a periodicidade nin a data dos plenos, que debería ser o primeiro xoves de cada mes. E reprocha que con esa práctica, ademais de non respectar e impedir a planificación da vida de toda a corporación, “tamén obstaculiza a presentación de iniciativas e o labor de fiscalización por parte dos grupos políticos da oposición”, afirma.

Unha mostra diso é o correo que desde alcaldía remitiron no día de onte comunicando que ‘o xoves, día 29, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro’. Así, de xeito arbitrario, sen previa consulta de dispoñibilidade, “porque o alcalde ordena”, sinala Rodríguez.

Ademais, para o BNG é inexplicable que convoque pleno para o 29 cando, estando convocadas as eleccións xerais, a lei electoral obriga a realizar o pleno de sorteo de membros das mesas electorais nun día do 31 de outubro ao 4 de novembro.  “Pensa Ferreira facer o sorteo fóra do prazo ou vai convocar dous plenos en 6 días?”, pregúntase Rodríguez. “Unha ou outra resposta implican a mesma conclusión: falla de previsión e desgoberno”, conclúe.

Rodríguez subliña que “non podemos consentir a arbitrariedade e a improvisación do alcalde, nin estarmos paralizados pola ausencia de propostas do goberno”. Insta ao Alcalde a exercer a democracia e a transparencia á que se comprometeu no inicio de mandato: convocar pleno cada mes como corresponde e no caso en que, por razóns xustificadas, non se poida celebrar nesa data, “convoque a xunta de portavoces para expoñer as razóns do adiamento e, de ser o caso, poñer en común colectivamente a data máis acaída para celebralo”, remata.