A Rúa Baixo Muro discorre ao pé da antiga muralla defensiva da Guarda. O acceso a esta rúa, só é posible a través dunha escaleira, que impide o tránsito de persoas con mobilidade reducida e dificulta enormemente a intervención dos servizos de urxencia (ambulancias, bombeiros, Policía Local, etc) e mesmo a prestación de servizos tan básicos como a recollida de lixo.

En maio de 2021 foi aprobado á modificación puntual número 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de A Guarda que tiña como finalidade a conexión da Rúa Baixo Muro coa Rúa Ireira, para dar cumprimento ás medidas á que obriga a lei en materia de accesibilidade.

«Na actualidade, o expediente de expropiación está paralizado, e o Concello acaba de renunciar a unha partida do plan Concellos 22/23 para a execución da obra», sinalan dende o BNG.

«Aos problemas de accesibilidade que ten esta rúa, hai que engadir tamén que non conta con separación de pluviais e fecais o que provoca, pola orografía do terreo, filtracións nos baixos das vivendas en determinados momentos do ano«, aseguran os nacionalistas.

Por todos estes motivos, o BNG a través do seu portavoz municipal, Anxo Baz ben de facer público a presentación dunha moción «para que o Concello se comprometa no menor tempo posible a realización desta obra. O compromiso implicaría tamén que se aborde simultaneamente os problemas de saneamento que existen na rúa e procedan á separación de fecais e pluviais en todo o trazado da rúa».