O BNG da Guarda ven de presentar unha moción este 8 de marzo na que demanda do goberno central o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega e da Xunta de Galicia a asumir as súas competencias en materia de atención á dependencia.

A pandemia fixo visíbel o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. Enfermeiras, persoal sanitario, caixeiras de supermercados, coidadoras… Mulleres que estiveron en primeira liña combatendo a Covid.

“Estes empregos están ocupados na súa maioría por mulleres, sendo ademais os máis precarios e invisibilizados, moitos deles sen cobertura legal, a pesar do recoñecemento social e institucional, un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais, non melloraron”,  destacou Bea Lomba, concelleira do BNG. Estes sectores sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións, froito das carencias dun sistema público de servizos básicos forte e pola falta de medidas por parte da Xunta e do goberno central.

A crise da Covid deixou en Galicia unha destrución de 21.000 empregos dos que 15.900 estaban ocupados por mulleres . A fenda salarial continúa a superar o 20% e ten tamén o seu correlato na fenda das pensións, cobrando as pensionistas galegas unha media de 300 euros menos. Esta situación continuará empeorando de non tomarse medidas.

Cómpre dar unha resposta contundente a esta situación, concluíu Bea Lomba “non podemos permitir que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos. Esta crise non a imos pagar as mulleres”. Dende o BNG da Guarda animan a participar na folga e na concentración convocada pola CIG, o próximo día 8, para construír un futuro de igualdade, liberdade e feminismo.