RAG // Ricardo Carvalho Calero

Diante dun novo Día das Letras Galegas, que terá lugar o vindeiro domingo día 17 e que este ano se dedica ao escritor e filólogo Ricardo Carvalho Calero, o Bloque Nacionalista Galego anima os veciños de Gondomar a visibilizar a lingua propia a pesar do confinamento decretado polo Estado de alarma ante a pandemia da Covid-19.

Ante a imposibilidade de participar en actos públicos ou na tradicional manifestación, o BNG convida a «desconfinar o galego» apoiando a campaña da plataforma Queremos Galego, da que a organización nacionalista forma parte. «Queremos Galego chama aos galegos a despregar este domingo a bandeira galega nas fiestras e balcóns e a petar as redes sociais para reivindicar que Galiza existe como pobo na medida en que ten unha lingua de seu e para exixir que as administracións públicas, desde a propia Xunta de Galiza e o seu presidente até os concellos, cumpran as Leis que as obrigan a usar e promover o uso do galego«, sinalan dende o BNG.

Neste senso, o BNG de Gondomar insta ao goberno local a cumprir a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística aprobada no pleno do mes de xaneiro, e ven de presentar unha batería de propostas de promoción do uso do galego, entre elas:

  • A creación dun Servizo de Normalización Lingüística con dotación orzamentaria e persoal estábel suficiente para desenvolver o traballo previsto na Ordenanza.
  • Adopción de medidas que garantan o uso do galego por parte da administración local en todas as súas comunicacións públicas.
  • Creación dun Consello Social da Lingua conformado por todos aqueles axentes sociais implicados na normalización e dinamización do galego.
  • Apoio ás iniciativas das entidades culturais que promoven a lectura e o uso da lingua galega no noso concello.
  • Adquisición por parte do Concello literatura en galego, a comezar pola de autoría galega, nas librarías de Gondomar para distribuír nos centros de ensino e actualizar os fondos da Biblioteca municipal, tamén como medida de apoio económico ao sector cultural galego e ao pequeno comercio local.
  • Acordo para instar á Xunta de Galiza e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero, que este ano non puido ser debidamente homenaxeado polo confinamento decretado polo Estado de alarma.

O galego leva demasiado tempo confinado”, denuncia Manuela Rodríguez Pumar, a responsábel local do BNG de Gondomar. “As administracións públicas, que teñen a obriga legal de defender e promover a lingua propia, con demasiada frecuencia actúan en sentido contrario, como axentes desgaleguizadores e promotores do auto-odio que nos nega como pobo. É inadmisíbel, e tamén ilegal, que un presidente da Xunta ou un alcalde falen en español no exercicio do seu cargo. Exixámoslles que respecten os nosos dereitos lingüísticos. Desconfinemos o galego!”, remata.