ALFREDO

O BNG de Gondomar insta ao goberno local á dotar ao concello do servizo de normalización lingüística (SNL) ao que obriga a ordenanza municipal de normalización. Asímesmo demanda a constitución e convocatoria inmediatas da comisión de seguimento do cumprimento da propia ordenanza, que debe reunirse cando menos dúas veces ao ano, tal como recolle esta no seu artigo XXX.

Pasou xa o segundo Día das Letras Galegas desde que o pleno municipal aprobara, en xaneiro de 2020, a ordenanza de normalización lingüística e o Sr. Ferreira segue a incumprir deliberadamente a súa propia normativa. Máis unha vez este alcalde, que afirmara no seu día que só quería a ordenanza por ser un requisito para poder optar a algunhas subvencións, decidiu non solicitar a subvención para a creación do SNL que o Servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra pon cada ano a disposición dos concellos e cuxo prazo rematou o pasado 12 de marzo.

O galego única lingua do Estado que perde falantes, tamén en Gondomar

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), extraídos da Enquisa estrutural a fogares (EEF) do ano 2018, a comarca de Vigo, á que pertence Gondomar, é a máis desgaleguizada do país e nela o nivel de uso da nosa lingua descende ao 25,5% cando en 2008 era do 33,6%. O estudo recolle tamén que en municipios de entre 10.000 e 20.000 habitantes, como Gondomar, a porcentaxe de fogares galegos en que todos os seus membros de 5 ou máis anos falan habitualmente só galego é do 19,30%. Pero na provincia de Pontevedra esa media descende até 13,5% cando en 2008 era do 27,5%.

Eses datos do IGE tamén teñen a súa proxección en Gondomar. Nos centros educativos veñen comprobando, ano tras ano, o descenso no uso da lingua entre o alumnado, obtendo porcentaxes coherentes coas recollidas no IGE para toda a comarca de Vigo. Durante o segundo trimestre de 2019, alumnado de 2º e 4º da ESO do IES Terra de Turonio (Gondomar) realizou un traballo de investigación sobre a situación da lingua galega na súa contorna familiar (avós, pais e irmáns), que veu concluír que o galego perde falantes en Gondomar. Así, redúcese o uso da lingua galega (41%>28%) e increméntase o uso das dúas linguas (48%>55%) e o uso exclusivo do español (11%>17%);  e esa redución é cada vez máis acusada entre a xente máis moza.

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, afirmaba onte, na concentración convocada pola plataforma Queremos Galego, que “despois de 12 anos de políticaslingüicidas do PP, o galego é a única lingua do Estado que perde falantes, sobre todo na mocidade”. E a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, engade que en Gondomar “a esas políticas desgaleguizadoras hai que lle sumar a actitude dalgúns dos que poderían ser referentes, como o Alcalde e integrantes do seu goberno do PSOE, que ademais de non facer uso habitual da nosa lingua, incumpren deliberadamente a normativa municipal que os obriga a impulsar a normalización do uso do galego no noso concello”.