ALFREDO

O Bloque Nacionalista Galego en Gondomar, ante o proceso de desescalada no que nos atopamos, solicita do goberno municipal que xestionen a realización de test do COVID-19 a todo funcionariado antes da súa reincorporación progresiva ao traballo presencial.

Así mesmo, considera fundamental que se lle realice a proba ao persoal das empresas concesionarias de servizos municipais, a comezar polo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), colectivo ao que non se lle fixo até agora, a pesar de traballaren no ámbito dos coidados en contacto directo con persoas moi vulnerábeis ao virus.

Por outra parte, a voceira do BNG, Manuela Rodriguez, denuncia a falta de información, tanto ao propio persoal municipal como á oposición, sobre cal vai ser o plan de desescalada para as distintas áreas de traballo e dependencias do concello.

Denuncia o BNG que o Alcalde, «de xeito unilateral, decidiu suspender as xuntas semanais de voceir@s, onde informaba do tratado nas reunións do Comité municipal de seguimento da crise do COVID. E segue sen convocar un pleno onde dar conta do realizado nestes dous meses e, o que é máis importante, onde aprobar medidas para minorar os efectos da crise no noso concello. Ese é o talante do Sr. Ferreira, confinar ao exercicio da democracia, da transparencia na xestión, e, de paso, impedir a posibilidade de tomar acordos positivos para o pobo de Gondomar”, afirma Rodríguez.

Instar a Xunta a fornecer de máscaras á poboación de xeito gratuíto

Unha vez máis, o BNG solicita do goberno municipal que inste á Xunta, como administración con competencias en materia sanitaria e de saúde pública, a fornecer de máscaras de protección a toda a poboación de Gondomar.

“Se o uso da máscara é obrigatorio, deben repartirse de xeito gratuíto para salvagardar a saúde pública, considerando que é un ben de primeira necesidade para conter a pandemia, como indica a OMS”.