centro de salud de Oia
ALFREDO // Centro de salud de Oia

O BNG de Oia vai presentar unha nova moción no pleno do día 30 de xaneiro. “Será unha moción referente á mellora da sanidade do noso país”, sinalan.

Como todo mundo coñece perfectamente, a sanidade pública de Galiza está a sufrir un ataque sen precedentes dende a administración autonómica presidida por Alberto Núñez Feijoó. Unha política de precarización da sanidade pública feita co único obxectivo de favorecer á privada. Na nosa área temos o exemplo dos millóns recibidos por Povisa e a súa posterior venda a Rivera Salud (grupo américano)”, explica Xosé A. Rodríguez, voceiro do BNG en Oia.

Máis exemplos, indica, son a situación dos PAC como o da Guarda, onde os profesionais non dan abasto e en moitas ocasións urxencias queda sen persoal sanitario para atender calquera emerxencia que sucedera; recortes de camas nos hospitais de Vigo; precarización das condicións de traballo do persoal con contratos precarios ou externalización de servizos básicos. Chegouse a tal extremo que toda esta maliciosa política derivou en mortes totalmente evitables como o cidadán que faleceu no PAC da Estrada pola ausencia de facultativos cando acudiu nunha urxencia, ou as vítimas da hepatite c ao non administrarlle o medicamento que necesitaban. O último escándalo foi o peche do paridoiro de Verín en contra da poboación e dos profesionais dese hospital comarcal, tendo que desprazarse ata Ourense para dar a luz pondo en risco, tanto a vida do acabado de nacer como da nai. Mais grazas a presión social, Feijoó recuou e tivo que reabrir o hospital”, afirma Rodríguez

“En Oia, entre outras cousas, este agosto quedamos un mes sen pediatra porque non houbo substituta para a profesional que colleu vacacións (a alcaldesa de Oia parece que non o sabía cando o BNG preguntoulle polo asunto)”, apunta.

Os concellos que conforman a mancomunidade do Baixo Miño (entre os que non está Oia xa que o PP votou en contra dunha moción do BNG para entrar nela) mantiveron xuntanzas para reclamarlle ao conselleiro de sanidade Almuiña unha reunión para tratar a problemática da sanidade na nosa comarca (PAC da Guarda) obtendo a calada por resposta coa connivencia da alcaldesa de Oia. Dende o BNG facémonos unha pregunta: esa é a felicidade que quere a señora alcaldesa para as veciñas/os de Oia?”, finaliza o voceiro nacionalista.