O BNG de Tomiño pide oa PP que rectifique e condee as ameazas feitas polo seu voceiro no concello
FOTO FACEBOOK ESTEBAN GONZÁLEZ // A coroa fúnebre que apareceu diante da casa consistorial de Tomiño co lema ‘Uxío, non te deixaremos en paz’.

O BNG de Tomiño mostra a súa repulsa pola “propaganda política” feita polo voceiro do grupo popular, Esteban González, polas ameazas vertidas contra o deputado provincial e concelleiro de Tomiño, Uxío Benítez, a raíz do conflito do parque maquinaria da Deputación.

Benítez foi obxecto de pintadas ameazantes aparecidas no concello de Tomiño e noutros puntos da provincia de Pontevedra, así como de coaccións mediante unha coroa fúnebre aparecida diante da Casa Consistorial de Tomiño co lema ‘Uxío, non te deixaremos en paz’.

No seu Facebook González Miranda colgou unha entrada na que escribe ‘Vaia, vaia. Parece que van saíndo á luz certas manobras. Así se tratan entre eles’, acompañado das imaxes das pintadas existentes en Tomiño e da coroa de flores dedicada ao concelleiro. Consideramos que, ou ben González Miranda descoñece absolutamente do que está a falar, ou ben ratifica que o Partido Popular está detrás dos desmáns dos traballadores e representantes sindicais coas súas ameazas e coaccións. Ata o momento, de feito, tal comentario nas redes sociais nin foi retirado, nin desmentido nin desautorizado por instancias superiores do PP” manifestan dende o BNG de Tomiño.

No día de onte celebrouse un Pleno provincial na Deputación de Pontevedra no que o grupo provincial do BNG responsabilizou directamente a Alfonso Rueda de marcar a estratexia de actuación no conflito do parque de maquinaria. “Entendemos que as palabras vertidas por Esteban González son unha confirmación a maiores da vinculación existente entre a actuación do persoal e o PP” declaran dende el grupo nacionalista de Tomiño.

Uxío Benítez realizou durante nos últimos meses cambios no sistema de traballo do parque de maquinaria co fin de aumentar a súa eficacia, “facer que o traballo se cinguise ás vías provinciais, cambiar o horario cara unha xornada continua, e esixir que todas as dietas e pernoctas se xustificasen documentalmente para ser pagadas. Ata o de agora os traballadores cobraban dietas, quilometraxe e estancias nocturnas fóra dos seus domicilios sen ningún tipo de aval, chegando a contías de 7.000 euros de media anual por traballador e ata 12.000 euros. Unha vez iso se eliminou os traballadores convocaron unha folga argumentando a suposta privatización do servizo, cando os obxectivos do novo goberno son totalmente contrarios a iso. explica o deputado provincial.

Dende o BNG de Tomiño apuntan que “compartimos a idoneidade das medidas adoptadas por Uxío Benítez dentro do seu labor como deputado de Mobillidade, xa que buscan un gasto racional dos cartos públicos en lugar de manter privilexios outorgados polo anterior goberno de Rafael Louzán. Así, solicitamos ao Partido Popular que rectifique publicamente o comentario do seu voceiro en Tomiño e condene enerxicamente e sen mornezas as pintadas e coaccións aparecidas no municipio contra Benítez tanto dende a súa cúpula como dende o grupo municipal do concello”.