O pasado xoves 29 celebrouse un pleno no concello de Oia, no cal o BNG presentou dúas Mocións sobre “a nova tarifa eléctrica” e Moción sobre “a situación de deterioro na atención primaria de Oia. Restablecemento inmediato dunha atención digna para Oia.”

«A alcaldesa, coa complicidade do seu equipo de goberno, non admitiu que se votaran. Aínda así, no BNG solicitamos que entraran pola vía de urxencia onde foron expostas ante o pleno; novamente o PP rexeitou que se votaran«, sinalan dende a formación nacionalista e engaden que «ante esta negativa foron advertidos que serán responsables, xunto coa xerencia da área sanitaria, de calquera incidencia que poida padecer un usuario/a no centro de saúde debido á situación de desleixo no que se atopa ante a pasividade da Xunta».

Segundo o BNG, votaron en contra de debater e acordar o seguinte:

“Instar á Xunta de Galiza a garantir unha atención sanitaria digna no concello de Oia, cubrindo a totalidade das ausencias dos profesionais sanitarios, reforzando enfermaría e psx e dotando ao centro de saúde dun servizo de pediatría a xornada completa e unha enfermeira pediátrica».

«A parvada da concellería da “felicidade” dous anos despois poderiámola trocar pola do engano, pero un engano que pódelle saír moi caro á nosa saúde. O xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, seica mantiveron unha xuntanza afirmando que no noso centro o problema que hai é unha situación puntual e conxuntural», comentan os nacionalistas.

«Pois no BNG dicímoslle que non lle falten ao respecto aos veciños/as de Oia, propoñémoslle que melloren as condicións laborais dos profesionais que están sometidos a cargas de traballo e presión inadmisibles, instámolos a que non sigan coas políticas de precariedade laboral, cos recortes na sanidade pública en beneficio da privada, que non mintan á veciñanza», explican.

«Poden comezar por recuperar a todos aqueles profesionais que tiveron que marchar (nós dicimos botaron) para Portugal, Reino Unido, Alemaña e outros países de Europa na busca de mellores condicións laborais. Non xoguen coa saúde da xente. Cristina Correa, a felicidade das persoas comeza por unha boa saúde, as babecadas están moi ben para andar de esmorga«, finalizan os nacionalistas.