O BNG, a través da súa portavoz municipal Manuela Rodríguez, denuncia os recortes de profesorado que a Xunta pretende impoñer nos IES Auga da Laxe e Terra de Turonio de Gondomar para o vindeiro curso 2021-2022.

Rodríguez sinala que «os recortes van máis alá de eliminar o reforzo de persoal contratado pola Covid, supoñen redución tamén respecto ao 2019-2020, curso no se estaba nun contexto prepandemia e no que o cadro de docentes era xa escaso”.

Segundo os nacionalistas, no vindeiro curso o IES Auga da Laxe contará con cinco docentes menos que no 2020-2021, catro menos con respecto ao 2019-2020. No caso do IES Terra de Turonio contarán con seis menos que no curso 2020-21 e un menos que no 2019-20 (datos extraídos do estudo publicado pola CIG-Ensino nesta semana).

Desde o BNG inciden en que «a situación sanitaria para o vindeiro curso é incerta, e estes recortes farán moi complexo o cumprimento dos protocolos da Xunta de Galiza para garantir a seguridade nas aulas«. E segundo informa a CIG-Ensino, desde as direccións e o profesorado dalgúns dos centros afectados salientan que o recorte imposto pola Consellaría de Educación vai implicar serios problemas para o correcto e normal funcionamento dos centros educativos.

A organización nacionalista denuncia que estes recortes por parte da Xunta, «que se están a repetir noutros centros de ensino«, demostran que “o Partido Popular non aprendeu nada da pandemia«, e esixen que “a Xunta de Galiza manteña o profesorado de todos os centros afectados”. Neste sentido, apuntan que o incremento de profesorado e a redución do número de estudantes por aula do pasado curso, aínda que insuficiente, demostrou unha mellora na calidade educativa, permitiu que o estudantado obtivera mellores resultados e mellorou as condicións laborais do profesorado. E esixen da Xunta “non dar pasos atrás”.

Por outro lado, o BNG denuncia que o PP «teima en levar adiante a súa política de recortes e deterioro de servizos públicos, neste caso, do ensino público en que o goberno de Núñez Feijóo foi pioneiro no seu día aumentando as horas lectivas do profesorado para reducir o número de docentes e mantendo unha política sistemática de recortes de aulas e cadros de persoal que se traducen en aumento de rateo nas aulas, redución da optatividade e aumento de materias que deben ser impartidas como afíns por profesorado non especialista».

O BNG de Gondomar presentará unha moción solicitando do Pleno municipal o acordo de instar ao goberno de Feijóo a frear os recortes no ensino público galego, a comezar por deixar sen efecto a anunciada redución do corpo docente dos centros de ensino de Gondomar e do resto do País. Así mesmo, “estaremos ao lado das familias, do alumnado e do profesorado dos centros para apoiar todas as accións e mobilizacións que se convoquen contra estes novos recortes e na defensa do ensino público galego”, indica Rodríguez.