CONCELLO (archivo)

O BNG denuncia, máis unha vez, «o reiterado e deliberado incumprimento da periodicidade mensual na convocatoria das sesións plenarias por parte do Alcalde». Non houbo pleno en xaneiro e este xoves, día 3, debería celebrarse o pleno ordinario de marzo, «mais non foi convocado nin houbo comunicación algunha ao respecto ao conxunto da Corporación».

A portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, insta novamente ao Alcalde a convocar con carácter de urxencia unha Xunta de Portavoces para dar explicacións e para fixar a data do pleno. “Volvemos estar en situación similar ao inicio de mandato e non descartamos volver denuncialo diante da Valedoría do Pobo”, anuncia.

«Non respectar os acordos no que ten a ver coas convocatorias dos plenos non só constitúe un incumprimento do compromiso adquirido e no caso de non os convocar unha obstrución ao labor da oposición, é tamén unha falla de respecto e consideración coas persoas que conformamos a Corporación, impedindo a planificación das nosas respectivas axendas, das nosas vidas”, reitera Rodríguez.

Pero ademais “nin podemos consentir a arbitrariedade ou falla de previsión do Alcalde, nin estarmos paralizados pola ausencia de propostas do goberno”, engade a concelleira. “Hai moitos temas pendentes: só do pleno anterior xa quedaron seis mocións sen debater, catro delas do BNG e algunha arrastrada xa desde outubro. Con propostas sobre o saneamento integral do concello, sobre os comedores e as aulas matinais nos colexios, sobre medidas contra a violencia machista, sobre o transporte metropolitano, ademais doutras novas a presentar. E está regulado que cando o pleno remata sen se debater e resolver todos os asuntos incluídos na orde do día, os asuntos non debatidos deben ser incluídos na orde do día da seguinte sesión”.

Para a organización nacionalista fica clara a estratexia de Paco Ferreira con respecto aos plenos: ou fai uso abusivo da palabra alongando as súas intervencións, cargándoas de relato e propaganda innecesarios, ou simplemente non os convoca. “O obxectivo é impedir que se debatan as nosas propostas e fuxir da fiscalización do labor do seu goberno a través das preguntas da oposición na parte final de cada sesión.”

Desde o BNG instan ao Alcalde a exercer a democracia e a transparencia á que se comprometeu no inicio de mandato, “que convoque pleno cada primeiro xoves de mes como corresponde e no caso en que, por razóns xustificadas, non se poida celebrar nesa data, que convoque a xunta de voceiras/os para expoñer as razóns do adiamento e, de ser o caso, poñer en común colectivamente a data máis acaída para celebralo”.

Así mesmo, solicitan que se garanta a retransmisión das sesións plenarias en directo, algo que non se produciu nos últimos plenos, para posibilitar que ademais de presencialmente a veciñanza poida seguilos tamén a distancia.