O BNG denuncia que, un ano máis, a oferta de infantil na Galiña Azul é insuficiente para garantir praza a todas as crianzas de 0 a 3 anos. Malia a propaganda do goberno do PP, a gratuidade na educación infantil non é verdadeiramente real cando as prazas públicas non chegan para cubrir toda a demanda. 

Mais isto non sorprende xa que, atendendo aos datos oficiais, as contas sobre as prazas en educación infantil resultan sinxelas: na franxa de 0 a 3 anos hai 62.000 nenos e nenas en Galiza, mentres que as prazas ofertadas nas escolas infantís, entre públicas e  privadas, chegan escasamente á metade. “Só na escola infantil publica de Gondomar ficaron fóra 28 das solicitantes para o curso 2024-2025”, explica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

O goberno galego do PP vota en contra de incrementar prazas

Rodríguez lamenta o voto en contra dos populares a unha iniciativa, defendida o pasado martes pola deputada Ariadna Fernández no Parlamento galego, en que as nacionalistas reclamaban aumentar as prazas nas escolas públicas, dándolle prioridade sobre a iniciativa privada, para que a igualdade no acceso sexa real. Tamén pedía repoñer as horas de programación suprimidas aos profesionais que traballan nas escolas públicas, así como mellorar o financiamento dos centros municipais para evitar que os concellos teñen que atender competencias que non lle corresponden.

Así mesmo, a iniciativa do BNG propuña adoptar as medidas necesarias para que as escolas sufragadas con diñeiro público -incluídas as privadas- conten cun único procedemento de solicitude de admisión, con criterios idénticos no baremo e cunha listaxe de agarda única que garanta o acceso ao ensino de 0 a 3 anos en condicións equitativas para todas as crianzas. Neste sentido, nunha crítica aos criterios de baremo que se utilizan, instaba ao goberno do PP a explicar ás nais/pais que por non ter traballo teñen menos puntuación para o acceso a unha praza, “como van facer para traballar se non teñen onde deixar ao seu neno ou nena?”

Desde o BNG local insistirán, a través dunha moción no vindeiro pleno, en reclamar ao goberno da Xunta “a ampliación da rede pública de escolas infantís, con máis prazas de nova creación para garantir a gratuidade e a universalización do ensino de 0 a 3 anos en todos os concellos, tamén en Gondomar, como medida imprescindíbel para favorecer a conciliación da vida persoal e laboral, así como para fomentar a natalidade”.