ALFREDO (Archivo)

O BNG denuncia que, unha vez máis, Naturgy deixou sen luz a varias parroquias de Gondomar. A falla de corrente de 6 horas afectou a Chaín, Couso, Morgadáns e Peitieiros desde ás 21:30h do sábado, até ás 3:30 da mañá. Ás 12h da mañá do domingo o servizo de atención ao cliente da empresa eléctrica aínda non sabía informar da causa da falla de subministro.

Os veciños temen que esta vaia ser, novamente, a tónica xeral do subministro eléctrico na zona en días de chuvia e vento, como nos últimos 20 anos. “Porque aínda a que a indignación e a mobilización veciñal, tras a situación vivida nos días de noiteboa e nadal do ano pasado, conseguiran o reforzo da capacidade do tendido eléctrico nestas parroquias, se a empresa subministradora non pon dunha vez solución que evite ás avarias que se producen nas liñas de alimentación, seguiremos a padecer os continuos cortes dun servizo básico”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

A falla de electricidade provoca grandes prexuízos nos domicilios particulares: non se poden utilizar respiradores ou outros aparellos necesarios para os coidados de persoas dependentes, nin electrodomésticos ou ordenadores, impide nalgúns casos dispoñer de auga corrente e/ou quente, calefacción ou conexión a internet, provoca danos en aparellos ou en alimentos conxelados. É tamén un gran agravio para as persoas que traballan dende a casa e para comercios e empresas, xa que lles impide realizar a súa actividade con normalidade, ademais de provocarlles perdas.

É indignante que cando o BNG propón medidas como o soterramento das liñas que atravesan o monte, para evitar as avarías producidas polas caídas de árbores sobre elas ou polo impacto de pólas e cascas, a resposta sexa sempre a mesma: é moi caro”,denuncia a concelleira nacionalista. “E logo vemos como en 2020, en plena pandemia, as eléctricas obtiveron beneficios (beneficios, non ingresos) multimillonarios: Naturgy 490 Millóns de euros, Endesa 1.394, Iberdrola 3.610.”

A indignación é aínda maior cando chegan as facturas da luz cuns prezos de estafa. E xustamente onte foi o sábado co prezo da luz máis caro da historia, 173,65€ o Mwh, un 545,77% máis caro que hai un ano.

Unha situación inconcibíbel tendo en conta que estamos nun país que produce e exporta enerxía eléctrica. É inadmisíbel que sendo produtores de enerxía non só teñamos que pagar unhas tarifas abusivas e superiores a outros territorios non produtores e que importan a nosa enerxía eléctrica, senón que ademais teñamos unhas instalacións obsoletas que non cumpren uns mínimos de calidade nin dan o servizo que precisamos.”

Por todo isto, o BNG de Gondomar instará, máis unha vez, aos gobernos da Xunta e do Concello a realizaren urxentemente as actuacións precisas para que a empresa subministradora solucione dunha vez este agravio á veciñanza das parroquias afectadas.