Dende o pasado mes de decembro, a veciñanza propietaria de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa que establece a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia está a recibir do Concello do Porriño dilixencias de notificación para o tratamento urxente da biomasa destas áreas.
«A aplicación desta Lei é responsabilidade da Xunta pero o concello asinou un convenio municipal que lle permite actuar nas faixas secundarias de alto risco de incendios visitando as parcelas, a través da empresa SEAGA», sinalan so nacionalistas.
O BNG sempre defendeu un tratamento adecuado da superficie de monte, así como facer unha progresiva substitución das especies máis perigosas en situacións de incendio por frondosas propias. Mais o que reclama a forza nacionalista é que «este proceso debe ser progresivo e non se debe tentar executar dunha forma abrupta, alarmando ao conxunto das persoas pequenas propietarias».
«Desde o BNG animamos a todas as persoas afectadas a solicitar unha prórroga ata o 31 de maio. Non se entende a urxencia de establecer un prazo de quince días de execución, que resulta totalmente inviable. Tamén denunciamos o erro na identificación catastral das persoas propietarias ou que se advirta que houbo unha inspección previa antes da emisión da carta cando están sendo advertidos propietarios que xa tiñan as súas parcelas limpas», afirman.
Din tamén que existen «contradicións á hora de informar desde concello á cidadanía, os metros afectados varían segundo a persoa que informe, e en ocasións preséntase por defecto, unha propiedade afectada na súa totalidade cando segundo o Visor da Xunta de Galicia de Faixas Secundarias só é unha parte a incluída dentro da área de especial atención contra os incendios».
Insisten desde o BNG que «a inseguridade e o medo á sanción que se está a provocar entre a cidadanía levará ó mercado unha gran cantidade de m3 de madeira. Deste xeito, as persoas propietarias terán que malvender a madeira, polo que os beneficios que o sector madeireiro obterá deste contexto de urxencia son incuestionables». O mesmo tempo matizan que «é inxustificable a creación desta preocupación. A mesma Lei 3/2007 recolle medidas para potenciar a plantación de especies frondosas en confronto á outras moi perigosas en situacións de incendio, coma o eucalipto ou o piñeiro que non se desenvolveron».
No seu lugar, «o PP aprobou unha moratoria dende 2021 ata este 2025 para a implantación efectiva da prohibición da plantación do eucalipto. O BNG do Porriño considera que tentar solucionar deste modo un problema estrutural cuns prazos tan cativos non é unha vía acertada, e facer recaer toda a responsabilidade nas persoas propietarias elude á responsabilidade que o PP ten en todo este proceso», explican.
O concello logo de propagar a alerta a toda a veciñanza fixo un calendario de reunións informativas polas parroquias «que lonxe de clarexar dúbidas deixou ás persoas igual que estaban. A forza nacionalista diríxese a Alejandro Lorenzo para indicarlle que a existencia dunha persoa técnica do medio no Concello do Porriño minguaría o desconcerto que provocou a imprudente xestión do seu goberno. Esta figura, que o BNG leva meses reclamando, sabería canalizar dunha maneira adecuada e con formación as dúbidas da veciñanza. Mais a inexistencia deste persoal técnico é, para o bloque, unha mostra máis da pouca importancia coa que o PP de Lorenzo trata o medio».