Hoxe sae publicado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a Declaración de Impacto Ambiental (D.I.A.) en sentido negativo, relativa ao proxecto de construción do parque eólico terrestre Torroña I.
Este proxecto era o derradeiro que afectaba ao concello de Baiona e ao que lle faltaba a D.I.A. despois de que se emitiran, tamén en sentido negativo, as dos proxectos denominados Toroña e Albariño I.
Dende o BNG amosan a súa satisfacción por estas resolucións «xa que dan a razón a todas as alegacións presentadas polo propio BNG pero tamén por unha gran parte da sociedade e de diversas entidades que, como a nacionalista, entende como moi prexudicial para Baiona e a Serra da Groba a implantación do negocio eólico na nosa Serra polo brutal impacto paisaxístico, patrimonial e medioambiental que suporía».
Ao tempo que, dende o BNG, felicitan a todas estas entidades e persoas que loitaron pola defensa deste ben común que é a Serra da Groba.
Pero, advirten dende o BNG que «continúa vixente o Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG) e con el as Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE,s) que segue a incluír a nosa Serra e ao noso concello. Por iso esiximos ao goberno do PP da Xunta de Galiza a eliminación das ADE,s que afectan ao concello de Baiona e ao Val Miñor, xa que, de non ser así, as empresas do sector poden presentar novos proxectos eólicos».
Do mesmo xeito, dende o BNG lembran que «a ameaza eólica para o noso concello non remata no monte. O goberno do Estado formado por PSOE e Sumar pretende instalar, a través dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, o proxecto de construción do parque eólicos mariño Volanteiro que afecta directamente a Baiona. Este proxecto pretende colocar os aeroxeradores a menos de 30 quilómetros da costa xerando un grave impacto medioambiental e afectando directamente ao sector pesqueiro. Por esta razón, esiximos tamén a protección da costa galega contra esta ameaza eólica».