O BNG lamenta que o «deixamento de funcións do Alcalde» provoque o peche, aínda que sexa temporal, de establecementos de hostalaría en Gondomar. “Hai outras formas de facer as cousas”, indica a portavoz municipal, Manuela Rodríguez.

A concesión das licenzas de apertura e a vixilancia de actividades dos distintos establecementos son competencia municipal, pero “o goberno local, co seu Alcalde á cabeza, non está ao que ten que estar. Se estivera, os peches non serían necesarios porque os negocios estarían en regra ou non estarían”. 

A ordenanza municipal, actualizada no ano 2016 sendo xa alcalde Paco Ferreira, indica que a taxa debe abonarse na primeira instalación, mais tamén nos casos de ampliación, reforma ou cambio de titularidade. E que a administración local debe exercer a inspección municipal para verificar que os establecementos reúnen as condicións esixidas para o seu normal funcionamento e que dispoñen da correspondente licenza.

¿Onde estivo a actividade inspectora do goberno local até agora?. ¿É que ningún dos nove integrantes da maioría absoluta do PSOE anda pola flamante zona peonil da Paradela ou por outras zonas de Gondomar?. ¿Non frecuentaron ningún dos locais que agora pechan? ¿E se ten que ser a veciñanza quen provoque que o goberno municipal faga o traballo que lle corresponde, para que serven seis dedicacións exclusivas?”, pregúntanse no Bloque.

A organización nacionalista considera ademais que «o Sr Ferreira, que tamén ostenta a responsabilidade dos asuntos económicos, está a incorrer en neglixencia dende o punto de vista da facenda local, ao permitir que se deixe de recadar esta taxa municipal naqueles casos nos que non consta a existencia de licenza».

“Desde o BNG non imos escusar a quen non está ao día das súas obrigas tributarias ou a quen non reúne as condicións de tranquilidade, sanidade e salubridade, medioambientais e calquera outras esixidas polas correspondentes normativas. Cada negocio debe cumprir cos requisitos legais esixibles para exercer a súa actividade, por respecto ademais a quen si os cumpre”, aclaran desde o BNG. “Pero o que non ten escusa é que o Alcalde leve sete anos mirando para outro lado, e que actúe agora escudándose nas queixas e denuncias de veciños para que sexan estes os malos da película”.

Manuela Rodríguez solicitará no pleno de febreiro as explicacións do Alcalde ao respecto, e lamenta que o “deixamento de funcións do Alcalde provoque o peche, aínda que sexa temporal, de establecementos de hostalaría en Gondomar, un sector moi estendido no noso concello e moi castigado polas restricións derivadas da pandemia”.