No pleno de mañá martes 17 de xuño, o BNG preguntou ao goberno local pola situación das instalacións deportivas municipais das Gaiandas. O recinto leva precintado desde o 29 de abril, logo do derrubamento, tres días antes, do muro da grada do campo durante un partido do equipo dos cadetes do Gondomar CF.
Así mesmo, a organización nacionalista pediu información ao Alcalde a respecto da cobertura económica da atención médica ao menor ferido no accidente. A portavoz municipal Manuela Rodríguez explica que “agardamos que finalmente se atendera a demanda da familia do xogador e lamentamos que se vira obrigada a denunciar a situación a través dos medios de comunicación por falta de dilixencia por parte do Concello, que é entidade titular e responsable da instalación”.
Tamén lamenta Rodríguez as declaracións do Alcalde que naquel día dixo que o muro caeu ‘a causa dunha avalancha de xente’ ou que en circunstancias normais non caería, pero que ‘se a forza que se lle aplica é moita, pasa o que pasa’, como facendo recaer a culpa na mocidade afeccionada que celebraba un gol do seu equipo.
«A realidade é que esa instalación deportiva presentaba un estado bastante lamentable como se pode comprobar nunha reportaxe fotográfica realizada polo BNG o xoves anterior a se producir o accidente no campo. Unhas imaxes que mostran un perímetro de muros en mal estado e con perigo de derrubamento, muros caídos sen arranxar, zonas de valado de terra e pedra con risco de desprendementos, restos de lixo e entullos sen retirar. E mostran tamén a fenda horizontal que presentaba o muro caído que foi precisamente por onde quebrou», sinalan os nacionalistas.
Á vista desas fotos sorprende que no decreto de Alcaldía, polo que se ordena o precinto do campo das Gaiandas, se diga que se pecha á actividade porque ‘na actualidade se descoñece a situación da estabilidade da instalación’, cando no mesmo decreto sinala que «é o Concello quen ten as competencias en materia de seguridade nos espazos públicos«.
“Pero o máis sorprendente é que o Concello gastara 400.000 euros en poñer un campo de herba artificial, inaugurado en xaneiro deste ano, pero mantivera o resto da instalación en semellantes condicións. Sorprendente e irresponsable”, indica Rodríguez.
O BNG non votou a favor dese investimento. Por iso cando, na noite do accidente no campo, a organización nacionalista anunciou que ía solicitar información sobre o ocorrido e sobre o estado do conxunto das instalacións, o Alcalde “acusounos de oportunismo, demagoxia e de ‘ter jeta’; seica non estabamos lexitimados”, lembra a concelleira nacionalista.
A portavoz nacionalista lembra que “o BNG non votou a favor dese investimento por considerar que o Concello tiña outras moitas prioridades. Así o explicou no pleno, diante de integrantes da directiva e doutros membros do Gondomar FC alí presentes, con claridade, sen nada que ocultar”.
E a resposta do BNG ás acusacións do Alcalde é contundente: “oportunismo sería sacar todas estas imaxes do estado do campo no propio día do accidente e demagoxia sería dicir no pleno aquel, xustamente o que o público quería oír. Con respecto ao de ‘ter jeta’, iso déixollo para vostede Sr Ferreira”, espetou Rodríguez.
Desde o BNG indican que, con independencia dese posicionamento, o seu labor é o de fiscalizar o labor do goberno. É por iso que, no pleno dste martes –que é o primeiro desde a caída do muro–, a portavoz municipal preguntou que medidas está a tomar o goberno municipal para garantir a seguridade nas Gaiandas, canto poden demorar as actuacións e cal é o horizonte temporal para o levantamento do precinto e da suspensión do uso das instalacións.
