Nos últimos días, os titulares volveron poñer ao «noso partido» no ollo do furacán. O caso que salpica a Ábalos e a Cerdán reactivou unha ofensiva mediática e xudicial que, máis alá de buscar xustiza, «semella ter como obxectivo desestabilizar o Goberno e erosionar a figura de Pedro Sánchez».
«Cómpre dicilo con claridade: ningún escándalo, por grave que sexa, debe servir como escusa para dinamitar un proxecto progresista que mellorou a vida de millóns de cidadáns. Pedro Sánchez foi, e segue a ser, o referente dunha esquerda moderna, europea e valente, capaz de gobernar en coalición, de xestionar crises sen precedentes e de poñer por diante os dereitos sociais, a igualdade e o interese xeral fronte a intereses particulares«,sinalan.
O ocorrido con Ábalos e Cerdán debe abordarse con contundencia, transparencia e respecto á xustiza. Nisto, non pode haber fisuras. Pero ao mesmo tempo, «non podemos permitir que se empreguen erros ou posibles delitos individuais para socavar o proxecto colectivo que representa este Goberno. Sánchez tomou decisións difíciles, como a petición de dimisión como deputado de Ábalos, demostrando que a rexeneración democrática non é un eslogan, senón un principio firme. Pero de aí a utilizar este caso como argumento para deslexitimar o Executivo hai un abismo», sinalan os socialistas de Oia.
Aseguran que os mesmos que calan ante escándalos de corrupción de décadas noutras formacións políticas, agora esixen dimisións en bloque como se a responsabilidade política fose selectiva e asimétrica.
Fronte a este ruído, os socialistas «debemos facer o que sempre fixemos nos momentos difíciles: organizarnos, pensar no país e defender as nosas ideas sen complexos. Non se trata de defender persoas, senón de defender un rumbo. O rumbo da xustiza social, do feminismo, do ecoloxismo e da convivencia na diversidade. Ese é o proxecto que Pedro Sánchez encarna e que tantos intentan boicotear desde trincheiras xudiciais, económicas e mediáticas».
En definitiva,-rematan- «este non é o momento de dar un paso atrás, senón de reafirmar o noso compromiso cunha España plural, progresista e libre. Agora máis ca nunca, fronte á adversidade, fronte ao barro, fronte ao cinismo, toca mirar cara adiante e apoiar sen ambaxes a Pedro Sánchez. Porque defender a Sánchez hoxe é defender o futuro que queremos para todos».