Manuela Rodríguez Pumar

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar, a través da súa portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, ven de presentar, como proposta para o seu debate a nivel municipal, unha serie de medidas de apoio e reactivación do sector cultural en (e desde) Gondomar. «A proposta é froito do contraste con colectivos e axentes culturais actuantes no noso concello«.

No documento o BNG recolle que “a cultura é un ben de primeira necesidade, pois é imprescindíbel para o noso benestar emocional, tan necesario coma o físico. Mais tamén é PIB, xera riqueza económica para as persoas que a producen, para todas as que son necesarias para obter o produto final, e para os lugares en que esas persoas viven e realizan o seu traballo”.

Sinala tamén que as graves consecuencias socio-económicas da crise do COVID19 afectan moi directamente no sector cultural, e as administracións van resultar determinantes para facer posíbel o mantemento da actividade e dos postos de traballo.

Nesa liña, o BNG propón, entre outras medidas, que o goberno municipal convoque, á maior brevidade posible, as subvencións de cultura para 2020, contemplando nas bases o pago anticipado do 70% no momento da resolución inicial, como maneira de evitar o afogamento económico das entidades culturais; que asine os convenios das subvencións nominativas a entidades culturais e facelas efectivas de inmediato, e non revocalas aínda que, por causa do COVID-19, non se poidan realizar as actividades ou actuacións previstas nos mesmos; e que dea respaldo institucional e económico a aqueles eventos culturais que cada ano se desenvolven no noso concello e que por mor da situación de crise non puideran celebrarse até agora ou vaian ter dificultades para se celebrar (certames literarios, de teatro, seráns, concertos, festivais,…), garantindo que poidan manterse no futuro.

No relativo á programación cultural do concello, a proposta do BNG inclúe o mantemento da programación propia e o respecto aos contratos existentes, tratando de acordar novas datas para o seu desenvolvemento, e garantir as achegas municipais comprometidas para aquelas actividades culturais canceladas pola crise do COVID-19 que non for posíbel re-programar; o re-investimento en cultura das partidas orzamentarias desta área para o 2020 que non poidan ser executadas por mor da crise do coronavirus, incrementando a programación cultural co obxecto de colaborar na recuperación do sector.

Tamén, en previsión da imposibilidade de convocar actos con público en varios meses, crear un programa/carteleira de proxección de actividades,actuacións e concertos onde os diferentes entidades, grupos e artistas poidan mostrar os seus traballos pendurando as súas obras gravadas na páxina web do concello, nas súas propias ou nas das entidades das que fan parte. E que no momento en que se recupere a normalidade, se priorice a contratación entidades, asociacións, grupos, artistas e persoas da cultura da localidade e a creación en galego, desde a perspectiva de axudar á recuperación da actividade cultural, comezando por quen temos máis preto de nós.

En calquera caso, para o BNG é fundamental “contar en todo momento coa participación e complicidade dos colectivos e axentes culturais no camiño de tomar as medidas máis acaidas co obxectivo de garantir a continuidade da actividade cultural no concello, tendo en conta que son as entidades culturais existentes en Gondomar, incluídas as parroquiais, as que producen a maior parte da actividade cultural do noso concello”, apunta Manuela Rodríguez.