O BNG de Nigrán considera unha grave irresponsabilidade o acontecido na derradeira sesión plenaria na que non se chegaron a debatir os orzamentos, tras a ser aprobada a súa retirada á proposta do PP.
«A razón esgrimida para deixalos sobre a mesa é tan peregrina e rebuscada como que deben ser sometidos á consideración dun Consello de Participación que nin existe nin se vislumbra a súa creación», indican dende o BNG.
«No ámbito da participación e da transparencia, solicitamos ao rexedor que publique o borrador dos orzamentos na web do Concello, tal e como fixo fai dous anos, precisamente pola esixencia do BNG, co obxecto de que calquera colectivo ou particular poda facer achegas ou suxestións. Se o que se busca verdadeiramente é a transparencia, consideramos que esta é a forma máis factible e práctica de facelo nas circunstancias actuais, non invocando a un órgano inexistente e do que os outros grupos da oposición non se lembraron até o momento actual«,afirman dende a formación nacionalista.
«Para a nosa sopresa«, aseveran, «á rocambolesca proposta do PP, adherínronse UCN e Nigrán Decide, sustraendo do debate público o documento máis importante do exercicio, como é o orzamento. A isto hai que engadir a incapacidade do alcalde para acadar os consensos necesarios para a súa aprobación, rematada ca súa intención expresada publicamente de renunciar definitivamente ó seu debate«.
«Cremos que a irresponsabilidade do alcalde, unida a coincidencia de intereses da dereita e Nigrán Decide por pura estratexia electoral, comprometen ou dificultan gravemente inversións e actuacións moi importantes para Nigrán, coma a tan necesaria mellora da dotación do GES, na que tanto se implicou o BNG, ou actuacións imprescindibles en materia de renovación urbana«, finalizan.