O proxecto de acceso sur ao Porto da Guarda elaborado no 2018 pola área de mobilidade da Deputación de Pontevedra plantexa dúas alternativas posíbeis para a realización desta infraestrutura.
Das dúas opcións que contempla o proxecto, o Concello da Guarda escolleu a opción 2. O deseño elixido polo goberno guardés entre outros inconvenientes que presenta, costa 400.000 € máis que o outro.
Oinforme preceptivo elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio alerta de que o trazado que defende o goberno guardés ten un forte impacto en elementos patrimoniais e paisaxísticos e como consecuencia infórmano negativamente. Ao mesmo tempo recomendan optar polo outro trazado no que unha parte xa está feita.
Sorprendentemente o Goberno Guardés non atende deste requirimento e sigue na teima de defender un trazado máis caro, con un maior impacto visual e que ademais se atopa con informes desfavorábeis de Patrimonio.
O portavoz Municipal do BNG, Anxo Baz declara “A Xunta de Galiza non ten nin o máis mínimo interese en executar a obra e o Alcalde da Guarda enrócase nun trazado máis caro que ademais non conta coa aprobación de Patrimonio. Con estes movementos o único que se consigue e dilatar a súa execución por tempo indefinido. A estas alturas o goberno guardés tería que ter o proxecto rematado na man e deberíase estar preocupando por abrir todas as portas que fixera falta para conseguir o financiamento necesario para executar o proxecto. Iso é o que realmente lle interesa ao pobo da Guarda”.
