Pedro Pereira

Dende o BNG sinalan que «o PP presentou unha proposta de orzamento pouco ambiciosa, sen traballar, que non modificaba no substancial o vixente, prorrogado do 2018, e que, fóra do crédito que se pretendía solicitar, non contemplaba inversións. Resulta especialmente preocupante a falta de proxecto político deste goberno. Presentouse un documento técnico, para cadrar números, que non daba resposta ás necesidades do Porriño. Até horas antes da súa celebración, os grupos da oposición non contamos coa totalidade dos informes técnicos pertinentes».

«O PP non ten maioría plenaria para aprobar en solitario as contas e o alcalde non ten vontade de negociar cos grupos da corporación. Alejandro Lorenzo convocou en pleno período estival, con carácter de urxencia e en horario de mañá a sesión plenaria máis importante do ano. É significativo que non conseguira ningún voto a favor ou algunha abstención entre a oposición, suficiente para aprobar un novo orzamento. A proposta foi levada a pleno coa única intención de pretender culpar á oposición de obstaculizar a súa aprobación«, matizan os nacionalistas.

«Alejandro Lorenzo afirmaba na oposición que o Concello estaba na ruína. Agora, despois de gastar máis de 4 millóns de euros en seis meses con cargo ao diñeiro que atopou nas contas públicas cando accedeu á alcaldía, pretendía endebedar o Concello aprobando un crédito de 9 millóns que hipotecaría o futuro do concello a medio prazo. En lugar de buscar incrementar os recursos propios da institución ou negociar con outras administracións compromisos co Porriño, propuña solicitar un crédito que lle aforraba traballo e permitiría gastar sen control», rematan dende o BNG do Porriño.