ALFREDO // Piscina de A Ramallosa

Catro meses de dilacións dende que o BNG solicitara a convocatoria dos órganos asembleares da Mancomunidade do Val Miñor para dar explicacións formais das múltiples irregularidades que se sucederon dende a nova adxudicación da concesión da piscina mancomunada da Ramallosa, e a vagaxe da Xunta de Goberno deste órgano supramunicipal que non foi quen de dar cumprida satisfacción á demanda duns usuarios que padeceron retrasos na colocación de máquinas, reclamacións por cobro de cotas sen poder recibir os servizos establecidos no servizos, falta de mantemento das instalacións e até o desprendemento dun falso teito nun dos vestiarios.

Ante esta situación e diante das explicacións aportadas en comisión de seguimento, o Bloque Nacionalista Galego anunciou na citada reunión que solicitará na Xunta da Mancomunidade deste mércores, que con cargo ao novo canon obtido pola concesión da piscina mancomunada, se realice unha auditoría externa que certifique o estado real das instalacións, sinalando as deficiencias que sexan precisas subsanar para garantir a estanqueidade, evitar filtracións e humidades ou relacionar aqueles traballos de mantemento que non se realizaron e provocaron deterioro nas mesmas.

«Neste sentido celebramos que a Presidencia da Mancomunidade aceptase esta demanda ata o punto de chegar a trasladala como propia. Non obstante preocúpanos máis aínda informacións confusas que infundan falsas espectativas aos usuarios como as referidas á recuperación de actividades como Zumba ou á construción doutro vaso para a realización de actividades tal e como xa solicitaba o BNG cando se redactou o prego de condicións. Estas melloras só serían realizables vinculadas a unha ampliación das instalacións que, hoxe por hoxe, non parece posible urbanísticamente que se poida acometer. Cando menos na mesma parcela«, sinala o representantes do BNG na Mancomunidade do Val Miñor, Xavier Rodríguez.