Tino Baz

Aos poucos vanse coñecendo máis detalles do programa cultural que se despregará na Guarda do 11 ao 14 de xullo con motivo do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Os concertos nocturnos inclúen diferentes actuacións musicais para todo tipo de público, de tal forma que desde os amantes da música folk aos máis rockeiros teñan a oportunidade de gozar do directo de máis dunha ducia de grupos e artistas.

Un dos protagonistas das noites musicais do Encontro será o coñecido cantautor guardés Tino Baz, que espera estrear no seu concerto o disco de homenaxe a Rosalía de Castro «Se cantan, é ti que cantas», que se atopa nestes momentos en fase de produción. Baz, recoñecido mestre de gaita e pandeireta, conta cun amplo repertorio, resultado das súas propias creacións, das súas particulares adaptacións de pezas populares e da musicalización de poesías de Rosalía, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña ou Manuel María, entre outros autores. O artista ofrecerá varias sorpresas ao longo da súa actuación e contará en varios temas coa participación de «Cantares do Brueiro», grupo formado por 35 persoas de todas as idades que xurdiu dun obradoiro de música tradicional galega que dirixe o propio Baz.

Outra das artistas locais, tamén con proxección internacional, que participará no programa musical será a gaiteira Nadia Vázquez, gañadora en 2018 do Concurso Solista de Cornamusa do Festival Le Son Continu, en Francia. A primeira muller en lograr o prezado galardón no certame de música tradicional galo estará secundada no escenario por outros dous instrumentistas.

Pola súa banda, a Banda de Música da Guarda acompañará á intérprete María do Ceo, recoñecida cantante e compositora portuguesa. Afincada desde hai anos en Galicia, paseou os fados por medio mundo, desde Alemaña a Exipto, pasando por Francia, Alxeria, Arxentina ou Uruguai, ademais de ofrecer frecuentes concertos en España e Portugal.

Xurxo Souto e o Orfeón Mariñeiro do Berbés traerán á noite guardesa un repertorio de temática mariñeira, mentres que Andrea Pousa poñerá a nota melódica cos temas do seu primeiro disco en solitario, «Respirar».

Estes son algúns dos grupos e artistas que amenizarán musicalmente o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que contará así mesmo con diversas actuacións de bandas de rock locais.

Ao longo destes meses e ata a data do Encontro, A Guarda será escenario de diversas exposicións, conferencias e talleres literarios co obxectivo de mostrar á sociedade o traballo que realizan asociacións como Piueiro e Culturmar para defender, divulgar e dinamizar o patrimonio marítimo e fluvial de Galicia, principalmente na recuperación de embarcacións tradicionais e na promoción de investigacións no ámbito patrimonial costeiro e marítimo.