Un total de 13 «artefactos flotantes» con 97 tripulantes participarán este domingo, ás 17:30 horas dende a ponte de Ramallosa, no Río Miñor, no divertido «Flota Como Poidas», organizado polo Concello de Nigrán .
Premiarase o artefacto flotante máis traballado e ao máis cutre, á tripulación máis simpática, á familia máis intrépida e participativa, ao tripulante máis vello e máis novo e ao «Titanic» da edición. O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela.
O ‘Flota como Poidas’ coincidirá nesta ocasión coa festa da cervexa artesá Val Miñor Fest, que precisamente celebra o seu último día este domingo na Alameda.