Concello de Nigrán
RUBENS // Concello de Nigrán

O Goberno de Nigrán non sacou adiante a súa proposta de aprobación inicial de modificación das normas subsidiarias ao non acadar a maioría absoluta necesaria para a súa aprobación.

“Nigrán Decide votou en contra de dita modificación por non considerala de interese social e por considerar que non ten os requisitos legais mínimos para poder aprobarse definitivamente, tal como expuxera no pleno do pasado mes de febreiro. Naquel pleno a proposta do goberno quedou sobre a mesa, ao ser o grupo municipal de Nigrán Decide o único en decatarse que no expediente de case 600 páxinas o goberno ocultara un informe do secretario do Concello que non era favorable, a pesar do afirmado polo Goberno“, explica o voceiro da formación José Cuevas.

“Nese informe indícase claramente que no relativo ás normas de urbanización e ao sistema viario, dado que o seu deseño corresponde ao planeamento, entendo que non procede derivar á fase de execución (por exemplo á resolución pola que se sinalan os aliñamentos) o establecemento de determinacións que corresponden ao ámbito normativo“, indican dende Nigrán Decide. “A modificación proposta polo Goberno só tivo os votos favorables do grupo do PSOE e de UCN, absténdose o grupo Popular e o BNG“, engaden

Parece evidente que o traballo serio e rigoroso do grupo municipal de Nigrán Decide, afastado das demagoxias e as medias verdades, dá o seu froito. Con ese traballo conseguiu cambiar o sentido do voto do Partido Popular, impedindo que en Nigrán se fixese o que posiblemente ía ser unha cacicada. O Goberno municipal xa non ten credibilidade en materia de urbanismo, pola súa falta de transparencia nesta materia, ao ocultar o informe do secretario no pleno pasado“, finaliza Cuevas.