Grupo Municipal Socialista da Guarda

Diante das novas sobre a reunión mantida no concello do Rosal para dar un novo impulso ao polígono supramunicipal, a portavoz socialista do concello da Guarda, Fátima Rodríguez, mostra a súa satisfacción. “Este polígono será fundamental para o desenvolvemento da Guarda e para o futuro da xente que queira desenvolver no Baixo Miño o seu proxecto de vida”.

O alcalde da Guarda e a alcaldesa do Rosal desbloquearon o proxecto do polígono empresarial na pasada lexislatura e conseguiron o compromiso de Beatriz Sestayo por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) e de David Regades por Zona Franca, para asinar un convenio de colaboración que impulsara este parque empresarial e así dar resposta a demanda de solo na comarca e a xeración de oportunidades e crecemento.

«O parque empresarial A Guarda-Rosal comezou a deseñarse en 2004 e está incluído nun plan sectorial dende 2007. Ten unha superficie total de 260.000 metros cadrados dos cales SEA xa ten adquiridos 45.000 e investido máis de un millón de euros. A pesar de que na lexislatura pasada se desbloqueou o proxecto e temos o apoio explícito de SEA e Zona Franca, o PP manifestou na campaña e no seu programa electoral, das pasadas municipais, que daría prioridade a un polígono industrial na zona de San Roque que nada ten que ver co que nos ocupa«, indica Fátima Rodríguez.

«Por esta ambigüidade, descoñecemento mostrado, ou quen sabe que? o grupo socialista insta ao alcalde da Guarda a que aclare publicamente a súa postura en relación ao proxecto do parque empresarial A Guarda- Rosal. As empresas e a veciñanza temos dereito a saber se vai a seguir desaparecido nos temas importantes, ou se podemos contar con que defenda os intereses de todos os guardeses e guardesas«, remata Rodríguez.