A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, presentou hoxe unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que comece coas obras imprescindibles para parar as inundacións provocadas polas crecidas dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar. Gallego criticou a “ineficacia e ineficiencia” do Goberno galego, que leva un ano paralizando estas obras dende a súa adxudicación a finais de 2022.
A responsable socialista reclámalle a Augas de Galicia que “asuma as súas competencias” e considera “inadmisible” que a Xunta, “lonxe de liberar espazos inundables e actuar para evitar estas situacións, se dedique a construír aparcadoiros de case 4.000 metros cadrados na ribeira de Vilariño”. Explica que esta obra “será un prexuízo aínda maior para o risco de inundacións”.
Critica que “as obras aínda non deron comezo, a pesar das reiteracións feitas dende o Concello de Gondomar para comezar canto antes”, e a pesares de que «o Executivo local puxera os terreos e parcelas a disposición para levar a cabo as actuacións previstas”. O Goberno municipal ten reclamado a limpeza dos ríos, «coa retirada de árbores e obstáculos que impiden a saída de auga, a retirada de sedimentos ou a obra para frear as inundacións, sen que Augas de Galicia fixera nada».
Leticia Gallego engade ademais que o concello de Gondomar “non está declarado por parte da Xunta de Galicia zona de emerxencia, algo que facilitaría moito a tramitación de axudas económicas á veciñanza para facer fronte aos danos sufridos en vivendas e vehículos de forma reiterada polas inundacións”. Tampouco habilitaron liñas directas de axudas, como si fixo a Deputación de Pontevedra a comezos de 2023 baixo a presidencia do PSdeG.