Este ano o IES Antón Alonso Ríos (antigo IES Tomiño) cumpre os seus primeiros 25 anos de existencia.

Con este motivo, o vindeiro sábado 4 de maio, a comunidade educativa celebrará unha xornada de portas abertas, destinada a todos os veciños e veciñas da vila e de xeito especial, aos que forman ou formaron parte da institución durante todos estes anos.

Haberá actuacións musicais, exposicións fotográficas de actividades realizadas nestes 25 anos, visita guiada polo centro, mostras de traballos e actividades do alumnado, soterramento dunha cápsula do tempo, etc. Quen o desexe, poderá xantar no centro (tortilla, empanada, rosca e chocolate ou café) por só 3 €.

Margarita Sanz González, directora do centro comenta o intenso traballo desenvolvido por toda a comunidade educativa co fin de facer do sábado unha gran xornada festiva. Entre os actos previstos, destaca o soterramento dunha cápsula do tempo para ser aberta no 2044. Nela, meteranse traballos de clase, vídeos e cartas dos alumnas e alumnos dirixidas ás persoas que serán eles mesmos dentro de 25 anos. A directora, pola súa banda, escribirá unha misiva dirixida á persoa que desempeñe a súa función no ano 2044.

Outro dos actos máis emotivos será o de plantar, preto da zona do xardín chamada “O miradoiro das palabras” unha árbore (magnolio) adicado a todas as persoas do centro xa falecidas (profesores, alumnos/as e outro persoal), en accidentes de tráfico, por enfermidade, etc.

A directiva do centro convida a toda a comunidade educativa do instituto a disfrutar da xornada de convivencia deste sábado, pero tamén a todas as persoas que dun xeito ou outro, pasaron ou traballaron no centro, e á cidadanía en xeral, interesada en coñecer o IES Antón Alonso Ríos por dentro.