Manuela Rodríguez Pumar

A situación de confinamento e o feito de que vítimas de violencia machista en moitos casos convivan cos seus agresores, puxo a proba un sistema que precisa de reformas importantes que atendan a situacións como a que estamos a vivir.

A dramática realidade é que o agresor ten controlada completamente a vítima e faise imposible que esta poida denunciar. “Os entornos privados, a familia, os domicilios, son os espazos onde, desde sempre, a violencia está máis presente e, nestes tempos de confinamentos, as mulleres conviven moito máis tempo cos seus agresores, moitas veces en situacións de precariedade económica que agravan aínda máis os problemas”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Tamén se están a constatar as dificultades coas que se atopan as mulleres que precisan recorrer ás casas de acollida da Xunta “onde se lles piden innumerábeis requisitos médicos e sanitarios vinculados á situación de pandemia, pero que non poden resolver nin as vítimas nin os Centros de Información á Muller (CIM) que as derivan, véndose as mulleres expostas ao abandono institucional”, denuncia a organización nacionalista.

Para o BNG “urxe facer unha valoración global da situación na que se atopan as mulleres vítimas de violencia e tamén dar unha resposta integral a maior indefensión e as novas situacións que para elas xorden da COVID-19, e é clave aumentar os recursos dispoñíbeis para lle facer fronte”.

Demandas aos gobernos local, galego e estatal

Coa moción do BNG, o Pleno de Gondomar aprobou unha batería de demandas ás distintas institucións que teñen competencias na materia.

Demandas ao goberno local

  • Dotación, para o vindeiro exercicio económico, de orzamento suficiente para a Área de Igualdade do ceoncello que posibilite o incremento no tempo de contratación das traballadoras actuais do CIM, para poder ofrecer o seu servizo en mellores condicións a todas as mulleres de Gondomar que están en situación de violencia.
  • Posta a disposición dunha vivenda para o aloxamento de urxencia de mulleres en situación de violencia que non poidan acceder ás casas de acollida da Xunta, que podería ser mancomunada para os tres concellos do Val Miñor.
  • Elaboración dun protocolo contra a discriminación e o acoso laboral ou sexual para o Concello de Gondomar, que sexa posta en común co colectivo das traballadoras e traballadores municipais e a súa representación sindical, e que conte para a súa redacción coa participación de persoas con formación en materia de igualdade e que garantan a incorporación dunha perspectiva feminista, nomeadamente coas traballadoras do CIM do concello.
  • Formación en feminismo e igualdade para todo o persoal traballador do Concello e como para as persoas integrantes da Corporación Municipal, a comezar polo equipo de goberno.
  • Convocatoria inmediata do Consello Municipal da Muller, que non se reune desde o 2 de marzo, e que, no sucesivo, se cumpra a peridicidade establecida no seu regulamento, é dicir, que sexa convocado, cando menos, unha vez cada catro meses.

Demandas ao goberno da Xunta de Galicia

  • Incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia machista de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total do orzamento.
  • Implementación de mecanismos que permitan manter a seguridade sanitaria ante a Covid-19 nas casas de acollida sen poñer trabas ao ingreso das mulleres que o precisen.
  • Mellora do funcionamento xeral dos puntos de encontro para que deixen de ser lugares onde se trata con equidistancia á vítima e ao agresor coa desculpa de non interferir nas relacións coas crianzas.
  • Creación dun punto de encontro no Val Miñor tal como foi acordado no pleno de outubro de 2019.

Demandas ao goberno central

  • Modificación da lei estatal para avanzar nunha definición da violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e da parella.
  • Deseño de medidas concretas e verdadeiramente eficaces para previr a violencia contra as mulleres no ámbito laboral, especialmente presente nos sectores máis feminizados, e, no seu caso, castigalas con contundencia.