O programa Degusta Europa chegou esta mañá á Praza de Abastos da Guarda coas elaboracións realizadas polos alumnos do CIFP Manuel Antonio de Vigo.
Esta experiencia con degustacións culinarias en distintos mercados da provincia, naceu en 2016 con motivo do Día de Europa, que conmemora os principais valores da UE: a paz, a estabilidade, a solidariedade e a unidade do continente.
A través de Degusta Europa preténdese promover e potenciar o local e autóctono: os mercados municipais e os excelentes produtos da nosa terra, que se deben converter tamén nun polo de atracción para as e os turistas. Este programa dá a coñecer, ademais, o labor do alumnado de dúas das escolas de hostalería máis importantes da nosa provincia: os centros Manuel Antonio, de Vigo, e Carlos Oroza, de Pontevedra.
Este ano Degusta Europa está vinculado á campaña «Fame de experiencias?», que potencia a enogastronomía; pretende, como cada ano, dinamizar os mercados municipais dándolles un toque de innovación e vangarda. En todas as actividades o alumnado dos dous centros traballará con produtos das nosas rías e da nosa terra para elaborar unha serie de tapas inspiradas na temática europea.