O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua, chega este sábado 15 de xullo aos concellos de Gondomar e Tomiño. Alí celebraranse, respectivamente, os concertos de Sés e Xosé Luis Romero & Aliboria.
Sés, considerada como unha das principais referentes da escena musical galega, actuará ás 22:30 horas na praza Paradela de Gondomar. A cantautora centra o seu espectáculo no seu oitavo traballo discográfico, Diante un eco, cuxo título fai referencia á concepción cíclica da historia e supón unha volta aos seus inicios, pero desde o oficio e a madurez, e sobre todo unha sólida reafirmación na estética popular. Cun contundente directo, a música de Sés viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino. Licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social, medrou musicalmente no folclore tradicional galego e no seu estilo mestura ingredientes que conseguen un resultado orixinal e xenuíno: rock’n’roll, tradición galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana.
En Tomiño actuarán Xosé Lois Romero & Aliboria na praza do Seixo ás 22.30 horas coa posta en escena do seu proxecto de vangarda e respecto pola tradición. Trátase dun espectáculo baseado única e exclusivamente en voces e percusións tradicionais, con dez músicos sobre o escenario que recuperan elementos tradicionais que se empregaban en Galicia a principios e mediados do século XX (instrumentos para labrar o campo, utensilios de cociña, latas de pemento) xunto a outros instrumentos clásicos da música tradicional galega. Acompáñalles un coro de seis cantareiras que conectan a tradición coa música tribal de África ou a América Latina. A agrupación leva nos escenarios dende hai máis de 5 anos, teñen tocado xa en grandes festivais como Ortigueira ou o Intercéltico do Morrazo e os seus membros comparten xiras con distintas bandas como Baiuca ou Vetusta Morla.

