Desde o Grupo Municipal Socialista afirman que «o impacto contaminante dos microplásticos é un feito demostrado». Aseguran que estes materiais, «ao ser inxeridos por numerosos seres mariños e incorporarse á cadea trófica, producen a morte ao producirlles aos animais cambios no metabolismo enerxético, patoloxías intestinais, estrés oxidativo ou alteracións psicomotrices».
Din que a chegada de millóns destes gránulos industriais ás nosas costas está agravando esta situación e será un problema que perdurará durante moitos anos debido ao amplo prazo de biodegradación do plásticos, e por iso é tan importante actuar con urxencia e de xeito coordinado.
«A resposta da Xunta de Galicia, lonxe de ser rápida e eficaz, resultou lenta e está a xerar unha sensación de abandono e incerteza nos concellos afectados. Por todo isto, durante o próximo pleno ordinario do Concello da Guarda o Partido Socialista pedirá ao resto dos representantes da corporación local que apoie unha moción na que, entre outras solicitudes, se pide á Xunta que deixe de eludir responsabilidades neste desastre ambiental e proceda a poñer a disposición dos concellos afectados tódolos medios autonómicos necesarios para a retirada do material contaminante das costas galegas», expoñen os socialistas.
Tamén piden a creación dun protocolo claro de actuación para a retirada dos pellets de plástico das nosas costas e para a xestión posterior destes residuos, acabando así coa desinformación actual que están a padecer os concellos, os colectivos ecoloxistas e o voluntariado.