ALFREDO

O Concello do Rosal organiza o Campamento de Nadal co principal obxectivo de conciliar vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre tras rematar o período lectivo.

Así, este luns, e ata o 11 do vindeiro mes, abre o prazo de inscrición para esta actividade que se celebrará entre decembro e xaneiro. As persoas interesadas deberán presentar a documentación requerida no Rexistro do concello.

Este campamento está orientado a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de Educación Infantil ou Educación Primaria neste curso escolar con desenvolvemento típico, diversidade funcional ou necesidades específicas de atención educativa que reúnan os seguintes requisitos:

  • Empadroados/as no Rosal (comprobarase que os menores inscritos/as están empadroados no concello)
  • Non empadroados/as no Rosal pero que o seu pai, nai, titor, titora traballe ou posúa un negocio no Rosal.

O campamento desenvolverase os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e 2, 3 e 7 de xaneiro de 8:45 a 14 :15 horas. O campamento de Nadal é de balde.

O número de prazas ofertadas son 25 reservándose 4 prazas para nenos que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía. A actividade desenvolverase en instalacións municipais.