violencia zero

A presidenta de Deputación, Carmela Silva, asistirá este luns ás 12:00 horas no auditorio municipal do Rosal, a unha nova intervención artística de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” o programa da institución provincial de loita contra as violencias machistas ao través da arte.

Con esta acción, que se presentará ante preto de 220 alumnos do CPI Manuel Suárez Marquier, xunto á intervención artística que se desenvolverá, tamén o luns, no cárcere da Lama, péchase a terceira edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

A acción escénica “100% contigo” ten como protagonistas a case un centenar de rostros de mulleres do Rosal. A artista impulsora da obra, Mar Caldas, desprazouse en xullo á vila do Baixo Miño para retratalas co obxectivo de salientar, a través das imaxes, a súa importancia social e laboral no pasado e presente do municipio.

Este luns, Caldas presentará ante preto de 220 estudantes a súa recompilación de rostros acompañada por varias alumnas do CPI Manuel Suárez Marquier que tamén participarán activamente nesta nova intervención. Serán elas as que reciten os nomes de cada unha das persoas retratadas na mostra fotográfica e informen sobre os traballos que desempeñaron ou están a desempeñar.