Balance moi positivo da celebración do Día das Letras Galegas no Rosal. A pesar das dificultades que se están a vivir por mor da crise sanitaria, o Concello do Rosal quixo facer un especial fincapé na conmemoración desta data dun xeito diferente, virtual e participativo con #Dálleálingua, un programa cargado de actividades culturais, lúdicas e de lecer que se puideron seguir a través da web e das redes sociais municipais e que remataron o propio 17 de maio cunha morea de sorpresas.

Un programa de actividades para render homenaxe ao escritor Ricardo Cavalho Calero e potenciar o uso da lingua galega que puido levarse a cabo sen dúbida grazas á colaboración e participación activa de todo o tecido asociativo rosaleiro e de toda a veciñanza.

Máis de 65 persoas sacaron á lingua polo seu idioma para facer un mosaico dentro da actividade #Estaéamiñalingua e outras tantas colaboraron enviando frases para a elaboración dunhas fermosas bolsas para o comercio local, que finalmente se repartiron co lema ‘Agarima co galego’ e ‘Enreda coa lingua’. Foron escollidas entre todas as frases recibidas, frases como ‘Gústame como soa en galego’, ‘Fala, ca túa lingua ben erguida’, ‘Alíate coa túa lingua, goza do seu uso’, ‘Falade meniños, falade galego’, ‘A nosa lingua: nin máis, nin menos’, ‘Sen o galego os agarimos non serían tan doces’, ‘Estar fóra de Galicia, escoitar falar galego e sentir morriña’… todas elas cheas de creatividade, agarimo e orgullo polo idioma.

A Agrupación Musical do Rosal foi a encargada de poñerlle banda sonora ao Día das Letras Galegas a través das actuacións protagonizadas por varios dos seus membros, 13 pequenas pezas que foron o preludio do gran concerto final virtual protagonizado pola Coral, a Banda e a Agrupación Musical do Rosal acompañados do grupo Lirolai o propio 17 de maio.

Impresionante a implicación de persoas representantes de diferentes ámbitos como o cultural, deportivo, político, educativo, empresarial, veciñal, musical… Grazas a eles e elas e á lectura espectacular que fixeron dos poemas de Ricardo Carvalho Calero os rosaleiros e rosaleiras puideron achegarse un pouco máis á obra do autor ferrolán. Obra á que puxo colofón final o vídeo do escultor Marcos Escudero, que narrou de forma máxica o conto ‘As pitas baixo a chuvia’ a través de debuxos de area e con música de Sandra e José Manuel González, da Agrupación Musical do Rosal.

Moitísimas grazas a todas as persoas que colaboraron con ilusión en todas e cada unha destas actividades, facendo do Día das Letras Galegas 2020 unha data especial e diferente, interactiva e na que todos e todas tiveron cabida.