A comarca do Val Miñor ven de perder un obradoiro de emprego denominado Ecomiñor por un valor de 180.445,90 euros e subvencionado integramente pola Xunta de Galicia. Esta é a comunicación que ven de facer a Consellería de Economía e Industria ó recurso de reposición presentado pola Mancomunidade do Val Miñor á declaración de caducidade do expediente motivado pola falta de acreditación da titularidade dos obxectos de actuación do obradoiro, aseguran os popular da comarca.

O Obradoiro de Emprego Ecomiñor ía contar con dúas especialidades formativas, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e a de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, para 8 persoas alumnas-traballadoras. Ditas actividades desenrolaríanse nos tres concellos do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) dende o 30 de setembro deste ano ata o 29 de marzo do vindeiro ano. Ademais dos alumnos íase dar emprego a 3 docentes e 1 auxiliar administrativo.

«Con data 27 de maio a Mancomunidade presenta a solicitude da axuda para obradoiro de emprego de garantía xuvenil ó abeiro da Orde do 4 de abril de 2019, sendo requirida un mes despois nova documentación, entregada parte da mesma en tempo agás algunhas titularidades dos obxectos de actuación no concello de Nigrán. Xa no mes de agosto e ante a falla de parte da documentación solicitada, a Xefatura Territorial de Vigo declara a caducidade do expediente o que provoca a presentación do recurso de reposición que agora ven de contestar negativamente», indican os popular.

Os voceiros do Partido Popular do Val Miñor acusan «ós alcaldes da comarca, que hai uns días criticaban a falta de inversións por parte da Xunta de Galicia, de ser os culpables da perda de subvencións como é este caso no que a aportación ía ser importante, e lamentan que 16 veciños do Val Miñor perdan esta grande oportunidade de formación remunerada e con posibilidade posterior de acadar un posto de traballo ou poder formar a súa propia empresa. Asemade recordan que en lugar de acusar alegremente á Xunta deberían poñerse a traballar en beneficio dos seus veciños».