Grupo Do Lusco ó Fusco

Unha nova edición do Encontro dos Pobos, e xa van 25, arranca este fin de semana en Tomiño. O grupo de bailes e gaitas guardés Do Lusco ó Fusco organiza o que xa se converteu nun dos festivais de música tradicional máis representativos do sur da provincia de Pontevedra. Nesta vixésimo quinta edición o público poderá disfrutar de balde das actuacións de grupos tanto locais como internacionais.

O festival arranca este sábado 21 de xullo na praza do Seixo (en caso de choiva trasladarase o auditorio de Goián), coas actuacións da Asociación Val de Piran, procedentes de Eslovenia, Do Lusco e Fusco, o grupo de baile tomiñés Virxe do Alivio e a agrupación folclórica a asturiana Cuelebre.

O Domingo o XXV Encontro dos Pobos chega ás 20.30 horas a Viladesuso (Oia) da man Do Lusco ó Fusco e da agrupación eslovaca de Val de Piran, así como a actuación de diversas bandas de Oia, como Tralo Mosteiro e a Fiada de Viladesuso.

Xa o martes 24 de xullo o auditorio de San Bieito de A Guarda (se o clima non o permite celebrarase no pavillón da Sangriña) acollerá as actuacións de agrupacións locais como Vento Mareiro, Xamaraina, Doxe nun ano ou Do Lusco ó Fusco, entre outras.

O festival remata o mércores 25 de xullo ás 21.30 horas na praza do Calvario do Rosal (en caso de choiva será no auditorio) coas actuacións de Do Lusco ó Fusco, A Asociación Cultural de Lembranzas da Terra de Guillarei e a agrupación eslovaca mencionada.