Parque de Bomberos de O Baixo Miño en O Porriño

Tras 4 anos de xestión da empresa Matinsa, os Bombeiros consideran que o Consorcio Provincial, formado por Xunta e Deputación, non pode tolerar máis tempo os gravísimos incumprimentos nos que o seu parecer incorre Matinsa dende hai longo tempo.

“Incumprimentos que nos impiden en moitos casos aos bombeiros desempeñar a nosa labor, ou polo menos dificúltana en extremo. Incumprimentos que fan que vehículos estean longos períodos avariados, que materiais non se repoñan, que non se fagan mantementos adecuados, que ao non cubrir as baixas do persoal as dotacións estean case sempre ao mínimo, etc, etc… con evidente afectación á calidade do servizo aos cidadáns,” afirman.

Tamen indican que, “os bombeiros fixemos todo tipo de denuncias públicas sobre esta situación, acudimos a Inspección de Traballo e denunciamos incumprimentos da Lei de Prevención de Riscos, tralas que a Inspección de Traballo considerou que tiñamos razón. Estamos dende hai tempo en folga, transmitimos a través de rexistro incidencias e labores que Matinsa non estaba a atender, asistimos a plenos de concellos como Cangas, Moaña, Marín, Vilagarcía, Cambados Bueu, ademais doutros moitos que temos pendentes, a informar da actual situación, e recibimos o apoio unánime das devanditas corporacións. Mesmo chegamos a sufrir represión por parte da empresa, unicamente por esixir o que é básico para o servizo, os compañeiros e os cidadáns da provincia de Pontevedra“.

Por todo iso consideran que deben dar un paso máis e convocan unha manifestación en contra da xestión de Matinsa e a favor dunha desprivatización do servizo para, do mesmo xeito que outros consorcios provinciais, avanzar cara un modelo baseado unicamente no beneficio dos cidadáns e na estabilidade económica das administracións, e non no beneficio empresarial.

A manifestación ten como obxectivo visualizar as demandas dos Bobeiros e que “os cidadáns saiban cal é a realidade das emerxencias, ademais de lembrar aos políticos con responsabilidades neste tema que está na súa man reverter esta situación e dotar ao Consorcio de Pontevedra dun servizo acorde co que os cidadáns merecen”.

As Deputacións de Lugo e A Coruña, xunto coa Xunta de Galicia, avanzaron nos seus consorcios respectivos cara a unha reversión deste sistema privado a favor dun público. “Cremos que Pontevedra non debe quedar atrás e seguir o exemplo marcado, pois Matinsa, filial do grupo FCC, deulle motivos dabondo para que o Consorcio Provincial aposte pola reversión,” finalizan.