O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da orde de axudas destinadas ás entidades locais galegas para a promoción da igualdade. Tres dos programas destas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e inclúen o apoio a catro programas dirixidos ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; e ao funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

A cuarta liña destinada a accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres enmarcase no desenvolvemento en Galicia das medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

As axudas para a posta en marcha de promoción da igualdade e prevención de violencia de xénero chegarán aos concellos da Guarda, Tomiño e Tui co obxectivo de que leven a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual. En total,destinaranse a estes concellos con este fin, 23.106 euros.

Tamén o Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda recibirá 45.000 euros de apoio para atender a mulleres en situación de especial vulnerabilidade levada a cabo polas persoas profesionais destes centros. De feito, estas axudas financian a contratación para cubrir postos de traballo nos CIM de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Por último, para desenvolver as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres postas en marcha no marco do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, contará coa axuda desta orde os concellos da Guarda, o de Oia, e o do Rosal, con un total de 18.254 euros.

Na provincia de Pontevedra, en total beneficiaranse destas catro ordes de axudas 50 entidades e 53 concellos, cun importe total de subvencións de 1.483.182 euros.