O vindeiro venres, 17 de maio, Día das Letras Galegas, os Concellos do Val Miñor, Nigrán, Gondomar e Baiona, celebrarán a edición número XXX da xa tradicional Festa da Bicicleta.

Os primeiros en arrancar a marchar serán os ciclistas de Nigrán, saíndo do Pavillón de Panxón ás 10:00 da mañá en dirección a Gondomar, onde recollerán aos ciclistas deste municipio ao redor das 11:00h na Praza do Concello.

Tamén ás 11:00h sairá a marcha de Baiona dende a entrada ao Parador, reuníndose cos Concellos de Gondomar e Nigrán aproximadamente ás 11:30h na Alameda de San Campio na Ramallosa.

Xa todos os ciclistas reunidos porán rumbo cara o Pavillón Municipal de Panxón, onde se lles entregará un pequeno avituallamento e celebrarase o sorteo de regalos.

A XXX Festa da Bicicleta do Val Miñor é unha marcha cicloturista aberta ao público en xeral, na que se poderá participar a partir dos 7 anos. O obxectivo principal deste evento é o de fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns mentres te divertes coa túa familia, amigos ou veciños.

As inscricións realizaranse o mesmo día do evento 40 minutos antes da saída nos puntos de inicio da marcha. No caso de Nigrán, as inscricións realizaranse entre as 9:00 e as 9:45h co fin de garantir a saída puntual cara Gondomar.