Dende hoxe, os PAC´s de toda Galicia, incluidos os da Guarda, Tui e A Xunqueira, comenzan unha folga indefinida.
«Despois de múltiples intentos de diálogo co SERGAS e de dúas folgas parciais seguimos sen ningún achegamento por parte da Administración. O Comité de Folga non foi convocado durante este período para negociar unha saída ao conflito», indica Pilar Rodriguez, membro do comité de folga.
As peticións do colectivo seguen a ser os 11 puntos que os uniron en toda a xeografía galega fai preto dun ano, con reivindicacións sobre todo asistencias e de equiparación de dereitos ao resto dos colectivos do SERGAS: «A retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección acorde ao traballo que desenvolvemos ou un cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas nos compute neutro a efectos de xornada, son algúns dos exemplos».
«Segundo datos publicados pola Consellaría, no ano 2017 atendéronse máis de 1.548.000 urxencias nos 90 PAC de Galiza; 767.000 nos seis primeiros meses de 2018 e resaltan o alto índice de resolución, de máis do 90% sen necesidade de derivación hospitalaria. Malia aumentar a actividade asistencial, os PAC non están ben dotados e os equipos sanitarios son mínimos«, aseguran dende o comité de folga.
«A incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis. Son numerosos os colectivos de traballadores/as e usuarios/as que seguimos denunciando publicamente o estado precario da sanidade nomeadamente en primaria: as listas de espera, os problemas de derivación a consultas de especializada, a falta de medios, a escaseza de persoal contratado ou o material inaxeitado«, afirma Rodríguez.
«A Administración, coas súas declaracións de “facemos o que podemos”, recoñece de forma totalmente irresponsábel o que levamos meses denunciando: que hai unha enorme falta de planificación que se foi paliando grazas a implicación e responsabilidade das traballadoras/es«, comenta.
«O feito de que o SERGAS non convoque o Comité de Folga, que se nos exclúa das reunións e grupos de traballo de reestruturación en Atención Primaria e que permitan que este conflito se estenda no tempo deixa en evidencia da falta de disposición ou capacidade para resolver os problemas coas traballadoras/es dos PAC«, explica.
«Por todo isto, o noso colectivo decidiu convocar folga indefinida a partir de hoxe para dar solución dunha vez por todas a trato inxusto e discriminatorio ao persoal cunhas condicións de traballo pésimas que non se poden soster máis no tempo», finaliza Rodríguez.