Despois dunha campaña na que se realizaron Xuntanzas cos veciños das diferentes parroquias, Gerardo Rodríguez Refojos, Candidato á Alcaldía de Oia polo PSdeG-PSOE valora o apoio recibido.

«O PSdeG-PSOE de Oia non foi a lista máis votada nestas eleccións, pero logrouse manter o mesmo número de concelleiros que nas pasadas eleccións do ano 2019, 4 concelleiros cun total de 678 votos, o que significa un 34.45% do total de votos rexistrados nesta pasada xornada electoral, dous puntos máis que nas eleccións anteriores», asegura.

Para Gerardo é importante agradecer a todas as persoas que fixeron posible que o PSdeG-PSOE sexa a segunda lista máis votada no municipio, «así coma tamén agradecer o labor dos membros da candidatura, pola súa ilusión e esforzo, aos veciños e veciñas que nos acompañaron, amigos, coñecidos… en definitiva, a gran familia socialista de Oia«, afirmou.

O Secretario Xeral dos Socialistas de Oia quere deixar ben claro que quedan por diante «catro anos de traballo na oposición, un traballo no que estará acompañado por Cándido Castro, Marisa Giráldez e Américo de Oliveira».

Aproveita tamén esta ocasión Gerardo Rodríguez para dar os parabéns a Cristina Correa polos datos obtidos nos comicios electorais.

Xa para rematar, Gerardo Rodríguez Refoxos, salienta que continuará «defendendo os intereses dos veciños e veciñas de Oia, apostando polo progreso e mellora da súa calidade de vida».