O Rosal instalará un punto de recarga para vehículos eléctricos en el aparcamiento de Os Muiños do Folón
FOTO // ELECTRÓNICA CARTAYA

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de hoxe, e co apoio da oposición, a entrada en vigor da bonificación dende o exercicio 2020 do imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como ‘0 emisións’.

Previamente aprobárase en pleno a modificación da ordenanza e agora Nigrán sitúase na vangarda dos municipios españois e europeos que fomentan verdadeiramente o uso das enerxías limpas entre os seus cidadáns (Nigrán é dende maio o único municipio de Galicia que conta cun punto de carga público e gratuíto xestionado polo propio consistorio e, ademais, conta na súa flota con vehículos eléctricos).

Actualmente, no padrón de vehículos de Nigrán figuran 4 vehículos ‘0 emisións’ e 60 ‘Eco’, e todos eles verían bonificado o seu respectivo imposto de Rodaxe con esta modificación da ordenanza. Paradóxicamente, debido aos parámetros de CV e cilindrada que se teñen en conta neste imposto, hoxe en día un turismo híbrido está pagando máis ca un convencional. «Con esta modificación, un Toyota Auris híbrido pasaría de pagar 106 € a 53 €«, exemplifica Diego García, edil de Medio Ambiente. «Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións«, resume o alcalde, Juan González, quen considera «unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas«.

Por outra banda, nesta ocasión o goberno local aprobou tamén co consenso absoluto da corporación adherirse ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, cuestión que no derradeiro mandato tivera que quedar sobre a mesa ante o rexeitamento de parte da oposición. Deste xeito, o Concello intégrase no maior movemento mundial de autoridades para a loita contra o cambio climático, asumindo os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030. González é precisamente responsable da primeira concellería de Galicia ‘Axenda 2030-Obxectivos do Desenvolvemento Sostible’, iniciativa da ONU que inclúe moitas medidas medioambientais que Nigrán quere reforzar dende a política local e que comprende, entre outros aspectos, formar parte deste pacto lanzado en Europa no ano 2008 e que reúne xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo (en Galicia está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda).

Modificación de crédito

Por outra banda, o goberno aprobou unha modificación de crédito de 313.448 € para pagar 353 facturas de 2018 e 2019, todas elas conformadas por técnicos municipáis e correspondentes a traballos correctamente realizados. Entre elas, a máis cuantiosa corresponde aos 94.000 € da subvención denegada pola Xunta para mellorar o acceso ao Parque Empresarial Porto do Molle (rúas Gándara e Ponte Muíña) ao non concedérselle ao Concello unha ampliación do prazo de finalización, cuestión que está sendo reclamada nos xulgados ao non entender o goberno local que non se aceptaran os informes nos que se incidía en que as choivas persistentes impedían o pintado da estrada.

A seguinte factura é de 28.000 € correspodentes a materiais de obra, 21.000 € para a realización de actividades turísticas, 24.000 de conservación de maquinaria, 12.000 € para actividades deportivas ou 2.000 € para emerxencia social. «Hai que ter en conta que temos un orzamento prorrogado, son traballos realizados por empresas, a maioría urxentes, e lóxicamente teñen que ser abonados«, explica o alcalde, Juan González, que recalca que o Concello ten débeda 0 con entidades financieiras e, a partir de agora, tamén con proveedores.

Finalmente, aprobouse por unanimidade o establecemento e fixación dos prezos públicos das escolas deportivas e actividades culturais municipáis para o curso 2019/2020 sen incremento algún con respecto ao anterior periodo.